O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou no Pazo provincial esta actividade que terá lugar o martes 17 de xuño e suporá a primeira vez que as Xornadas de Escena Galega cheguen á provincia de Pontevedra
A xornada terá capacidade para 80 persoas e o formulario de inscrición xa está dispoñible no sitio web provincial
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou este mércores no Pazo provincial unha xornada sobre accesibilidade e inclusión nas artes escénicas froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e Escena Galega (Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas). A cita, que se celebrará o 17 de xuño, suporá que as Xornadas de Escena Galega cheguen por primeira vez á provincia de Pontevedra. Baixo o título “Accesibilidade e inclusión nas artes escénicas: construíndo experiencias accesibles dende o primeiro clic ata a butaca”, terá lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial, onde tamén tivo lugar a presentación da xornada na que ademais do deputado provincial tamén participou o xerente de Escena Galega, Diego Meizoso. O formulario de inscrición xa está dispoñible no sitio web institucional.
Jorge Cubela puxo en valor que “a chegada á provincia destas xornadas supón un paso máis na liña de colaboración que estamos poñendo en marcha con esta disciplina e con esta asociación”, que inclúe outras medidas como a posta en marcha do circuíto +Escénicas (“unha reclamación do propio sector que ten unha excelente acollida e altísima participación”) e, en xeral, o compromiso adquirido polo goberno provincial ao converter a cultura nun dos seus “obxectivos primordiais”. O deputado de Cultura destacou que na xornada “imos reflexionar sobre o xeito de facer que os proxectos escénicos sexan accesibles para todas as persoas e tamén fomentar a participación das persoas con discapacidade, unha preocupación que esta administración e o sector compartimos” co obxectivo de “democratizar o acceso á cultura e mellorar a calidade de vida das persoas, derrubando as barreiras que trae consigo a falta de accesibilidade”.
As Xornadas de Escena Galega son o único foro estable de reflexión e de debate do sector das artes escénicas profesionais de Galicia. A do próximo 17 de xuño celebrarase en horario de mañá, de carácter máis teórico, e de tarde, máis práctico, e concretará o traballo que desenvolve a asociación desde o seu Grupo de Traballo de Accesibilidade e Inclusión. Está destinada principalmente a profesionais das artes escénicas ou interesadas no traballo de accesibilidade e inclusión desta rama artística, e terá unha capacidade para 80 persoas. E as actividades da xornada teñen como obxectivos expoñer experiencias nesta materia que se levaron a cabo nos últimos anos, establecer os alicerces sobre o deseño da comunicación para persoas con discapacidade visual e baixa visión e achegar estas persoas como público das artes escénicas.
A xornada comezará ás 10:00 horas cunha conferencia sobre visibilizar, sensibilizar, formar e compartir e coa presentación do Grupo de Traballo de Accesibilidade e Inclusión de Escena Galega. Participan Miguel Valverde, xestor cultural, e Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega e integrante do grupo de traballo. Ás 11:00 horas terá lugar unha mesa de experiencias con compañías de artes escénicas que traballan en accesibilidade e inclusión, coa participación de David Ojeda, De Palmyra Teatro (Madrid), Fran Rei, de Culturactiva (Galicia) e Paqui Romero, de Danza Mobile (Andalucía), moderada por Noelia Castro, vicepresidenta de Escena Galega. Ás 13:00 horas terá lugar unha presentación sobre comunicación accesible, “Dende o primeiro clic ata a butaca: accesibilidade visual nas artes escénicas”, impartida por Pablo Vilariño Otero, instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille da ONCE.
Pola tarde terán lugar dous obradoiros. O primeiro, ás 16:00 horas, de deseño dun paseo para persoas con discapacidade visual (paseo táctil) polo teatro impartido por Julia Fernández-Nieto Pons, técnica de Rehabilitación da ONCE. O segundo, e fin da xornada, será sobre deseño e implementación de audiodescrición co programa QLAB da man de Borja Fernández, actor, creador escénico e técnico especialista.