HomePontevedraBarroA Deputación organiza en Barro un Congreso sobre Comunidades Enerxéticas

A Deputación organiza en Barro un Congreso sobre Comunidades Enerxéticas

- Anuncio -spot_img

O presidente Luis López inaugurará o evento, que terá lugar o 10 de setembro no viveiro de empresas do Polígono de Barro co fin de ofrecer unha visión completa do estado actual desta nova figura e de dar a coñecer o traballo que se leva a cabo desde a Deputación

A Deputación de Pontevedra organiza o próximo mércores 10 de setembro un Congreso sobre Comunidades Enerxéticas no marco da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) +Renovables, que será inaugurado polo presidente Luis López. O obxectivo deste encontro, dirixido tanto a comunidades enerxéticas como administracións, empresas e calquera persoa con interese sobre iniciativas e modelos sostibles, é ofrecer unha visión completa sobre o estado de desenvolvemento actual desta nova figura. O evento terá lugar en horario de 9:30 a 17:30 horas no viveiro de empresas do Polígono de Barro e as inscricións poden realizarse de balde a través do sitio web institucional.

No marco do Congreso sobre Comunidades Enerxéticas organizado pola Deputación, que forma parte das accións de difusión da OTC +Renovables, as persoas asistentes tamén poderán coñecer o labor que se realiza desde esta oficina para o fomento das comunidades enerxéticas, especialmente en zonas afectadas polo reto demográfico. Tamén terán acceso a relatorios onde se exporán actividades e casos de éxito cos que xerar reflexións sobre os retos e as oportunidades das comunidades enerxéticas e da creación de redes de colaboración entre axentes do sector.

O Congreso sobre Comunidades Enerxéticas está dividido en bloques temáticos que pasan polo potencial das enerxías renovables da provincia, experiencias de comunidades existentes, innovacións tecnolóxicas aplicables, así como aspectos legais e económicos. Do mesmo xeito, o evento inclúe un espazo onde os asistentes poderán realizar contactos que fomenten sinerxías entre eles, así como dous obradoiros sobre emprendemento verde (creación de start-ups do sector enerxético) e participación cidadá (estratexias para involucrar a comunidade en proxectos enerxéticos).

Sobre a Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables

A Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación +Renovables está situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro (situado no Polígono de Barro), e trátase dun espazo desde o que se está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial.

Desde +Renovables a Deputación acompaña aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, ofrecéndolles un completo asesoramento nas fases de constitución, desenvolvemento e explotación das comunidades enerxéticas. Durante este tempo axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén se presta asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realízanse informes previos de cara á implantación das comunidades enerxéticas que inclúen a análise da capacidade produtiva de enerxía, estudos económicos para coñecer a viabilidade financeira dos proxectos, ou tamén outros de carácter legal e xurídico.

Publicacións Relacionadas