HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación organiza en Nigrán unha xornada de difusión sobre comunidades enerxéticas...

A Deputación organiza en Nigrán unha xornada de difusión sobre comunidades enerxéticas no marco da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables

- Anuncio -spot_img

A institución provincial explicará este xoves o papel das comunidades enerxéticas na mellora da eficiencia enerxética e a transición cara a unha enerxía sostible e responsable

A Deputación de Pontevedra organiza este xoves en Nigrán unha xornada de difusión sobre as comunidades enerxéticas da man da Oficina provincial de Transformación Comunitaria +Renovables. Na actividade, que terá lugar no Auditorio municipal ás 20:00 horas, explicaráselles ás persoas asistentes que é unha comunidade enerxética, o papel das administracións no seu desenvolvemento e os servizos que ofrece a institución provincial a través deste servizo, que está financiado con fondos Next Generation EU.

A Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación +Renovables está situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro (situado no Polígono de Barro), e trátase dun espazo desde o que se está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial.

Nestas xornadas de difusión, que recalan este xoves en Nigrán e están a percorrer os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, dáse a coñecer os servizos da oficina e a figura das comunidades enerxéticas, coa misión de facilitar entre a poboación da provincia a transición enerxética, potenciar a autosuficiente enerxética das vilas e aldeas, mellorar a eficiencia enerxética e contribuír a unha transición cara a un modelo de enerxía máis sostible e responsable.

Desde +Renovables a Deputación acompaña aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, ofrecéndolles un completo asesoramento nas fases de constitución, desenvolvemento e explotación das comunidades enerxéticas. Durante este tempo axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén se presta asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realízanse informes previos de cara á implantación das comunidades enerxéticas que inclúen a análise da capacidade produtiva de enerxía, estudos económicos para coñecer a viabilidade financeira dos proxectos, ou tamén outros de carácter legal e xurídico.

Publicacións Relacionadas