A institución provincial explicará en Lalín, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén e Vila de Cruces o papel das comunidades enerxéticas na mellora da eficiencia enerxética e a transición cara a unha enerxía máis sostible e responsable
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana catro novas quendas das xornadas de difusión sobre as comunidades enerxéticas que están a percorrer todo o territorio provincial no marco da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables. Nas xornadas, que terán lugar nos concellos de Lalín, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén e Vila de Cruces o luns 12 e o xoves 15 de maio, explicaráselles ás persoas asistentes que é unha comunidade enerxética, o papel das administracións no seu desenvolvemento e os servizos que ofrece a institución provincial a través deste servizo, que está financiado con fondos Next Generation EU.
A primeira das xornadas de difusión desta semana comezará o luns, 12 de maio, ás 18.00 horas no Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces. Ese mesmo día, ás 20:00 horas continuará no Edificio Sociocultural de Lalín. Xa o xoves, 15 de maio, ás 18:00 horas, a xornada terá lugar na Sala de Cultura de Mondariz-Balneario e ás 20:00 horas na Casa Cultural de Pazos de Borbén.
A Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación +Renovables está situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro (situado no Polígono de Barro), e trátase dun espazo desde o que se está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial.
Nestas xornadas de difusión, que se están a realizar nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, dáse a coñecer os servizos da oficina e a figura das comunidades enerxéticas, coa misión de facilitar entre a poboación da provincia a transición enerxética, potenciar a autosuficiente enerxética das vilas e aldeas, mellorar a eficiencia enerxética e contribuír a unha transición cara a un modelo de enerxía máis sostible e responsable.
Desde +Renovables a Deputación acompaña aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, ofrecéndolles un completo asesoramento nas fases de constitución, desenvolvemento e explotación das comunidades enerxéticas. Durante este tempo axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén se presta asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realízanse informes previos de cara á implantación das comunidades enerxéticas que inclúen a análise da capacidade produtiva de enerxía, estudos económicos para coñecer a viabilidade financeira dos proxectos, ou tamén outros de carácter legal e xurídico.