Entre este luns 31 de marzo e o xoves 3 de abril realizaranse accións presenciais e telemáticas arredor de temáticas como as ferramentas WordPress e Power BI, as infraestruturas dixitais e centros de datos ou o posicionamento en buscadores
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato tanto presencial como telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 31 de marzo e o xoves 3 de abril e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como son o posicionamento en buscadores, a creación de blogs ou de sitios web con WordPress, as infraestruturas dixitais e centros de datos e a análise de datos.
O luns 31 ás 12:00 horas celebrarase o obradoiro telemático “Redacta os textos da túa web ou tenda en liña para posicionarte en Google”. A acción, coordinada polo punto SmartPeme+ de Pontevedra, afonda na redacción dos textos como un dos principais elementos para o posicionamento SEO en Google e nos aspectos que axudan a obter uns bos resultados de procura. Será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual con experiencia no ámbito da comunicación dixital e o márketing en liña. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
O martes 1 de abril celebrarase na oficina de Ponteareas a partir das 9:30 horas o obradoiro “Crea unha páxina profesional con WordPress”, no que os participantes poderán comprender as posibilidades que ofrece WordPress, aprender os pasos para crear un sitio web con este xestor de contido e afondar no deseño, desenvolvemento e xestión da páxina para conseguir un sitio web profesional e optimizado. As inscricións para esta acción, impartida por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, poden realizarse neste formulario.
O mércores 2 terá lugar de xeito telemático, a partir das 12:00 horas, o obradoiro “Infraestrutura dixital. Canto custa enviar un WhatsApp?”, no que os participantes van aprender que son as infraestruturas dixitais, os tipos (nube e on premise) cos seus custos, pros e contras, así como os centros de datos. O obradoiro será impartido por Manuel Tornos, asesor co Centro Provincial da Economía Dixital de Barro, e as inscricións poden formalizarse neste formulario.
Tamén o mércores pero de xeito presencial en Cambados, a partir das 17:00 horas terá lugar a primeira lección do curso “Power BI dende cero”, sobre análise de datos. Ferramentas como Power BI permiten ás empresas sacar o máximo proveito dos seus datos, tomar decisións informadas e obter unha vantaxe competitiva, e a acción servirá para familiarizarse e sacar partida a este software. As inscricións poden realizarse neste formulario e será impartido por Jose Luis Taboada, asesor da oficina SmartPeme+ de Cambados.
Por último, o xoves 3 celebrarase ás 12:00 horas de xeito telemático o obradoiro “Como e por que debo crear un blog turístico no meu sitio web”. Esta acción afonda no impulso que estes poden supoñer para que máis clientes atopen un negocio na rede con consellos para crear contidos. O obradoiro será impartido por Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico. As inscricións poden formalizarse neste formulario.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.