Carolina Munáiz impartirá este curso, que se pon en marcha o 22 de outubro e se desenvolverá todos os mércores ata o 17 de decembro
A Deputación organiza no Museo de Pontevedra unha nova edición do curso ‘Tirando do fío’, un achegamento á evolución da moda e a súa relación coa historia e a arte. Se en 2024 o curso fixo un percorrido desde o Antigo Exipto ata finais do XVIII, nesta ocasión estará centrado na moda do século XIX, desde a Revolución francesa á Belle époque. Será impartido de novo por Carolina Munáiz e desenvolverase ao longo de oito mércores ás 19:00 h no Edificio Castelao, desde o 22 de outubro ata o 17 de decembro.
O curso é de acceso libre. Aquelas persoas que queiran obter un certificado de asistencia, deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal e asistir como mínimo ao 70% das sesións. Cada sesión, de hora e media de duración, centrarase na vinculación e incidencia da moda de determinados momentos ou acontecementos destacados do século XIX nos eidos da historia, a arte, a sociedade e incluso os avances científicos e técnicos.
A profesora, Carolina Munáiz, explica que “o curso aproxímase aos cambios históricos substanciais do século XIX e a consecuente evolución dos valores do traxe europeo. O impacto da Revolución francesa e as transformacións paulatinas pero inauditas que carrexaría o fenómeno da industrialización, haberían de propiciar profundos e convulsos cambios sociopolíticos, síntomas dunha nova era”.
As primeiras tres sesións do curso achegaranse aos cambios na moda propiciados pola Revolución francesa, a caída do Antigo Réxime e a Revolución industrial, co ascenso da burguesía. O curso afondará despois na influencia de estilos pictóricos como o realismo e o impresionismo e o impacto da aparición dos grandes almacéns e as revistas de moda. Tamén se achegará a figuras clave, como Amelia Bloomer, Charles Frederick Worth e Florence Wallas Pomeroy.
Carolina Munáiz é docente na Escola Superior de Deseño de Moda Formarte da Coruña, titulada en Ilustración pola EASD Pablo Picasso e con formación de primeiro ciclo da Escola de Canteiros de Pontevedra. É profesora das materiais de Historia da indumentaria e de Historia da arte e da moda do século XX. Compaxina o labor docente coa súa traxectoria como pintora.
Programa completo
- 22 de outubro. Revolución francesa. Traxe francés. Monecas Pandora
- 29 de outubro. Napoleón Bonaparte e caída do Antigo Réxime. Rexurdir neoclásico. Estilo imperio
- 12 de novembro. Revolución Industrial e ascenso da burguesía. Estilo romántico. Funcionalidade do traxe masculino
- 19 de novembro. Xaula criolina. Amelia Bloomer. Pintura realista
- 26 de novembro. Aparición dos grandes almacéns. Charles Frederick Worth. Alta costura. Descubrimento da anilina
- 3 de decembro. Lencería e feminidade. Codificación do loito. Impresionismo
- 10 de decembro. Traxe burgués masculino. Vestido de té. Industria téxtil en Cataluña
- 17 de decembro. Florence Wallas Pomeroy e o traxe reformista. Belle époque