HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación organiza un ciclo de obradoiros para mellorar a competencia do...

A Deputación organiza un ciclo de obradoiros para mellorar a competencia do persoal municipal de xuventude

- Anuncio -spot_img

Foco Xuventude comezará con dúas xornadas centradas na saúde mental, impartidas polo Doutor en Psicoloxía Joaquín Dosil, cuxo prazo de inscrición abrirá o próximo luns 29 de decembro

A Deputación de Deputación organiza un ciclo de obradoiros dirixidos a reforzar a competencia técnica e a calidade dos servizos dirixidos á mocidade nos concellos da provincia de Pontevedra. O ciclo Foco Xuventude, incluído no I Plan Estratéxico de Xuventude da Deputación, busca dar apoio técnico ao persoal dos municipios, que solicitou formación en temas esenciais para mellorar o asesoramento que presta á xuventude así como a orientación das súas iniciativas. Os obradoiros comezarán os días 26 de xaneiro e 2 de febreiro cunha acción centrada na saúde mental, a máis demandada polos concellos, que estará impartida polo Doutor en Psicoloxía Joaquín Dosil e cuxo prazo de inscrición estará aberto entre o luns 29 de decembro e o 19 de xaneiro ás 10:00 horas.

O obradoiro “Construíndo benestar: estratexias en saúde mental” tratará de proporcionar coñecementos e ferramentas prácticas para a promoción da saúde mental entre a mocidade, a detección temperá de indicadores de risco e o manexo de primeiras respostas. A primeira xornada, de carácter teórico, será en modalidade telemática o luns 26 de xaneiro entre as 10:00 e as 12:00 horas, e nela analizaranse as xeracións actuais da sociedade, as dificultades relacionais nas distintas etapas da vida, comportamentos de riscos e trastornos (TCA, ideas suicidas ou autolesións), o impacto das redes sociais no día a día (en cuestións como a autoestima, a desexabilidade, o acoso e a violencia) e a neurodiverxencia (TEA, TDAH ou AC).

O luns 2 de febreiro a xornada práctica será presencial, no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación, e os contidos inclúen o contexto para o traballo con persoas de risco, a prevención de situacións de risco e a intelixencia emocional. Ademais, faranse xogos de rol para entrevistas a familias e mozos con dificultades. O número máximo de participantes son 30 persoas e entregarase un diploma acreditativo das horas de formación.

O ciclo Foco Xuventude está dirixido principalmente ao persoal técnico de Xuventude e OMIX, pero tamén poderían participar técnicos de Servizos Sociais, Cultura ou áreas afíns nos concellos que non teñan persoal específico. A programación de obradoiros está deseñada para reforzar a competencia técnica e a calidade dos servizos dirixidos á mocidade nos concellos da provincia, e continuará proximamente con accións centradas nas novas tecnoloxías e os programas europeos. Con eles a Deputación de Pontevedra busca promover unha formación de calidade que impulse o coñecemento sobre a realidade xuvenil, para optimizar os recursos e actuacións dirixidas a este colectivo.

Publicacións Relacionadas