O deputado provincial Javier Tourís desenvolveu con alcaldes e técnicos de máis dunha vintena de concellos da provincia unha acción incluída no plan Liña Conecta Rural, que se está a desenvolver como proxecto piloto en Campo Lameiro, Moraña e Portas
A Deputación de Pontevedra organizou este mércores no seu Edificio Administrativo, coa asistencia de máis dunha vintena de alcaldes e técnicos municipais dos concellos da provincia, un laboratorio de innovación enmarcado no programa Liña Conecta Rural para impulsar a mobilidade das persoas residentes en municipios de reto demográfico. Este proxecto, que conta cun orzamento de 550.000 euros dos que medio millón proceden do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, busca mellorar a mobilidade e a conectividade das zonas de reto demográfico mediante a provisión dun sistema de transporte público optimizado que contribúa a revitalizar o rural pontevedrés así como promover unha mobilidade máis inclusiva e sostible.
O deputado provincial Javier Tourís sinalou que “este laboratorio está pensado para codeseñar solucións de mobilidade e transporte entre todos, co fin de mellorar o acceso da poboación a servizos básicos como é a mobilidade, definindo conxuntamente propostas realistas e sostibles”. O laboratorio levouse a cabo nunha sesión de tres horas de duración na que o persoal político e técnico da Deputación e dos concellos de reto demográfico da provincia traballou conxuntamente en aspectos como a identificación das principais necesidades de mobilidade nos municipios rurais ou a xeración de propostas adaptadas ao territorio, á vez que se abordaron cuestións como a dependencia do vehículo privado, a mellora da conectividade entre municipios, o acceso a servizos esenciais e as diferenzas entre zonas de litoral e interior.
O laboratorio é unha das cinco fases de Liña Conecta Rural, que se está a desenvolver como un programa piloto nos concellos de Campo Lameiro, Moraña e Portas. Ademais do laboratorio, o programa inclúe a posta en marcha dun estudo participativo entre a veciñanza para identificar os destinos frecuentes, os horarios preferidos, os puntos de parada e, en xeral, optimizar as liñas máis acaídas para estes tres concellos, prestando especial atención ás conexións cos centros sanitarios. En base ás conclusións extraídas, implantaranse novas rutas de transporte cunha liña integrada por dous vehículos, de carácter gratuíto para os usuarios. Tamén se desenvolverá unha aplicación móbil con información en tempo real sobre percorridos, xeolocalización, paradas, horarios ou tempos de chegada, entre outros asuntos, e a quinta e última fase será a elaboración dun plan de sostibilidade para avaliar os resultados e replicalos noutros territorios.



