HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación organiza un mercado en Pontevedra para finalizar o curso 2024/2025...

A Deputación organiza un mercado en Pontevedra para finalizar o curso 2024/2025 do programa provincial DepoEmprende

- Anuncio -spot_img

O vicepresidente Rafa Domínguez asistiu ao mercado no que participou alumnado de Educación Primaria de Cambados, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Meaño, Ribadumia, Tomiño e Tui, e de Secundaria de Redondela

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu este xoves en Pontevedra ao mercado que organizou a institución provincial para poñer en valor o traballo realizado polos centros escolares que participan no programa DepoEmprende, concretamente na modalidade de Educación Primaria. No mercado, que estivo instalado na praza da Peregrina, alumnado de Cambados, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Meaño, Ribadumia, Tomiño e Tui (ademais de alumnado de Secundaria de Redondela) puxo á venda os produtos que elaboraron e/ou comercializan a través das cooperativas que crearon de cero ao longo do curso 2024/2025.

O vicepresidente Rafa Domínguez destacou que, con este mercado, “moitos de vós rematades a vosa experiencia no programa DepoEmprende e nas vosas cooperativas” atendendo postos nos que a cidadanía puido adquirir produtos de alimentación, artigos téxtiles, plantas ou obxectos de arte ecolóxica. Domínguez puxo en valor que, grazas a esta experiencia, “seguro que aprendestes a valorar o traballo dos pequenos e medianos empresarios para saír a flote nun mundo tan competitivo, e a partir de agora veredes o importante que é apoiar o comercio local e de proximidade para que a riqueza que se xera na provincia quede na provincia”.

Rafa Domínguez agradeceu os centros educativos que participaron este ano en DepoEmprende, “con todo ese traballo extra que se suma ao do día a día”, e os que renovan o seu compromiso cada curso. O vicepresidente da Deputación tamén lembrou que un dos obxectivos do programa é “fomentar a cultura emprendedora entre o alumnado”, a través da súa inclusión do currículo académico, “para que o día de mañá acaden maior soltura”.

Asistiron ao mercado o CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados (con dúas cooperativas), o CEIP Plurilingüe de Carballedo, de Cerdedo-Cotobade (cunha cooperativa), o CEIP Plurilingüe de Conmeniño, do Grove (cunha cooperativa), o CEIP Coirón de Dena, de Meaño (cunha cooperativa), o CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia (con dúas cooperativa), o CEIP Plurilingüe de Terra, de Tomiño (con dúas cooperativas) e o CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui (cunha cooperativa). Tamén participou alumnado de Secundaria do IES Illa de San Simón, de Redondela (con dúas cooperativas).

DepoEmprende ten como obxectivo fomentar o emprendemento e a cultura emprendedora nas aulas como motor de innovación da competitividade, da creación de emprego e do crecemento económico. O programa está dividido en tres proxectos para as diferentes etapas da Educación Primaria e Especial, Secundaria e Formación Profesional, que crean e xestionan unha cooperativa na que fabrican e comercializan produtos para a súa venda. Parte dos beneficios que obteñan con esta actividade doarase a accións sociais ou ás ONG que elixan por consenso.

Publicacións Relacionadas