A actividade terá lugar o próximo 31 de xaneiro ás 19:30 horas no Museo de Pontevedra e xa está habilitado o formulario de inscrición no sitio web da institución provincial
A Deputación de Pontevedra organiza o próximo venres 31 de xaneiro unha charla literaria co escritor colombiano Santiago Gamboa como antesala da segunda edición do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, que trala boa acollida da súa primeira edición volverá celebrarse no mes de outubro. O encontro con Gamboa terá lugar na zona acristalada do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ás 19:30 horas, e xa está dispoñible no sitio web da Deputación o formulario de inscrición para asistir de balde a esta actividade.
Santiago Gamboa é un escritor, filólogo, columnista, correspondente, xornalista e diplomático colombiano. Estudou Literatura na Universidade Javeriana de Bogotá e posteriormente trasladouse a España, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid. Despois mudouse a París, onde cursou estudos de Literatura Cubana na Universidade Sorbona. Debutou como novelista coa súa obra ‘Páginas de vuelta’, coa que despuntou como unha das voces máis innovadoras da nova narrativa colombiana. Entre as súas obras tamén salientan ‘Perder es cuestión de método’, que supuxo o recoñecemento da crítica internacional e que foi levada ao cine por Sergio Cabrera, ‘Vida feliz de un joven llamado Esteban’, ‘Los impostores’, ‘El síndrome de Ulises’, ‘Hotel Pekín’, ‘Una casa en Bogotá’, ‘Volver al oscuro Valle’, ‘Será larga la noche’ ou ‘Colombian Psycho’.
Ademais desta charla literaria, a Deputación ten previstas outras actividades complementarias ao encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes co obxectivo de poñer en valor o talento artístico da mocidade da provincia. Entre elas, salientan obradoiros literarios para mozas e mozos ou a publicación dos textos gañadores da categoría de traballo literario breve das oito edicións dos Premios Provinciais á Xuventude. Precisamente foi o aumento de candidaturas a esta categoría o que suscitou o nacemento do encontro Pontevedra Literaria, e as bases para a novena edición dos premios convocaranse no próximo mes de marzo.