HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación organiza unha viaxe de familiarización con produtoras audiovisuais internacionais para...

A Deputación organiza unha viaxe de familiarización con produtoras audiovisuais internacionais para divulgar a provincia como escenario de rodaxes de grandes producións audiovisuais

- Anuncio -spot_img

Localizadores internacionais e nacionais que traballan con produtoras como Netflix, Sony Pictures, Marvel Studios, Warner Bross e A3Media e estiveron implicados en proxectos como The Walking Dead, Batman Begins ou Fast and Furious percorrerán ata o sábado diferentes espazos da provincia

A Rías Baixas Film Commission da Deputación divulgou a provincia como plató de cinema na Shooting Locations Marketplace, o encontro internacional da industria audiovisual que se celebrou en Valladolid

A Deputación de Pontevedra organiza ata o próximo luns unha viaxe de familiarización con produtoras audiovisuais internacionais para que poidan coñecer en primeira persoa a provincia coa finalidade de que se converta en escenario de rodaxes de grandes producións audiovisuais. Está previsto que na viaxe se concentren localizadores internacionais e nacionais que traballan con produtoras como Netflix, Sony Pictures, Marvel Studios, Warner Bross e A3Media e que estiveron implicados en proxectos como The Walking Dead, Batman Begins, Fast and Furious, El increíble Hulk, El Cuerpo, Midsommar, Saben Aquell, Verom: el último baile, La Sociedad de la Nieve, Un monstruo viene a verme ou El Renacido.

A viaxe de familiarización comeza este mesmo xoves, coa chegada á provincia. O venres está previsto un programa que contempla a visita á zona industrial de Vigo, un percorrido por Baiona e polo sur da provincia, con paseo en barco polo río Miño e visita ao conxunto histórico-artístico de Tui.  Ese mesmo día terá lugar una sesión formativa na que profesionais do audiovisual darán a coñecer as súas experiencias de rodaxe nas Rías Baixas, as particularidades do territorio, como é producir na provincia e o papel institucional da Rías Baixas Film Commission.

Xa o sábado a viaxe de familiarización recalará na comarca do Salnés, con percorridos por Vilagarcía e Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove e Sanxenxo, paseo en barco pola Ría de Arousa e A Illa e visita a unha adega da DO Rías Baixas. Pola súa banda o domingo haberá unha visita ao castelo de Soutomaior, ás Salinas do Ulló (Vilaboa), a Pontevedra, A Estrada e Silleda.

A Deputación na Shooting Locations Marketplace

A Deputación de Pontevedra participou na Shooting Locations Marketplace, un encontro internacional da industria audiovisual que se celebrou en Valladolid e no que a institución mantivo xuntanzas de traballo con produtores e localizadores de HBO, Paramount Pictures ou, entre outros, Amazon Studios aos que presentou os lugares máis atractivos da provincia para grandes producións audiovisuais. O organismo provincial estableceu xa contactos directos con localizadores, runners, produtores, estudios de produción, directores e outros perfís creativos e técnicos co obxectivo de atraer novos rodaxes e proxectos audiovisuais ao territorio e divulgar os recursos técnicos ou institucionais dispoñibles para materializar estas grandes producións.

Publicacións Relacionadas