O deputado provincial Ricardo Martínez lembrou que os traballos recibiron unha inxección de 632.000 euros € a través da liña 1 do Plan +Provincia
O deputado provincial Ricardo Martínez asistiu este luns en Vilagarcía de Arousa ao acto de reapertura da rúa Clara Campoamor tralas obras de humanización acometidas polo concello con recursos procedentes da institución provincial. Para a súa execución, a Deputación aprobou unha achega de 632.000 €, con cargo á liña 1 de investimentos do Plan +Provincia, cos que se financiaron as obras case integramente (o orzamento total é de 662.000 euros).
O deputado provincial lembrou que os traballos na rúa Clara Campoamor se basearon en tres cuestións fundamentais: a eliminación do tráfico rodado, o acondicionamento para acoller usos peonís e a combinación da circulación e o descanso. Con este fin introducíronse zonas verdes e outras de descanso e convivencia, para enfocar a rúa a unha zona de circulación pausada. Nas obras tamén salientou a adaptación dos pavimentos á circulación prevista, a base de formigón, pero suavizando a súa imaxe con zonas permeables con cambios de texturas, cores e despezamentos en función do uso. Ademais, a iluminación LED está concentrada na proximidade ao plano de chan e integrada no mobiliario urbano, ademais de farois enfrontados ás árbores para crear a sensación dun bulevar. Tamén se incluíron melloras nos servizos como os de drenaxe, coa ampliación das tubaxes de saneamento.
Ricardo Martínez lembrou que Vilagarcía de Arousa recibiu 1,5 millóns de euros a través do Plan +Provincia 2025, un programa que “simboliza a nosa filosofía de escoitar, entender e atender a toda a sociedade da provincia, e moi especialmente os concellos, xa que somos o goberno máis municipalista da historia da Deputación”. O deputado provincial asegurou que “transformar a paisaxe urbana das nosas vilas e cidades é un gran reto pola enorme cantidade de recursos que supón para os concellos, que precisan de vías de financiamento externo, e poder ser partícipes dese cambio e de como se empregan os recursos provinciais é sempre un motivo de orgullo”.



