HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación pecha esta fin de semana as actividades do programa +Bosques...

A Deputación pecha esta fin de semana as actividades do programa +Bosques con catro percorridos por Cabo Udra e polo Carreirón

- Anuncio -spot_img

Este programa provincial, que esgotou a totalidade de prazas ofertadas, promoveu desde agosto ata outubro o contacto directo coa natureza para gozar das vantaxes dos “baños de bosque”

A Deputación de Pontevedra pecha esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa xurdida para promover o contacto directo coa natureza e que permitiu ás persoas participantes gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. Este sábado 25 de outubro terán lugar os últimos percorridos por Cabo Udra, en Bueu, mentres que o domingo 26 serán polo Carreirón, na Illa de Arousa.

Na ruta por Cabo Udra os participantes percorrerán gran parte da Costa do Morrazo e espazos pertencentes á Rede Natura 2000 con paisaxes de gran valor natural e histórico. Desde o cume do cabo, a 91 metros de altitude, e desde o alto de Carafixo, a 129 metros, gozarán de panorámicas con vistas á Ría de Pontevedra. Pola súa banda, O Carreirón ten a catalogación de Zona Internacional de Especial Protección para as Aves e está integrado no Parque Natural do Complexo Intermareal Umia-O Grove. Trátase dunha península de 1,3 km2, unida á illa polo tómbolo das Salinas, que se atopa en estado completamente puro e con varios sendeiros.

Os espazos naturais que formaron parte da oferta de +Bosques do 2025 foron a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Este ano a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia co obxectivo de dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Deste xeito, todas as rutas proporcionaron ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza mediante a estimulación sensorial e a realización de exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Publicacións Relacionadas