Na actividade, impulsada polo organismo provincial da man de SEO/BirdLife, poderanse observar as aves que habitan na Enseada de San Simón
A enseada de San Simón destaca no máis profundo da ría de Vigo, onde a influencia das mareas propicia a invernada de aves acuáticas e mariñas, ademais dunha gran riqueza de contornas arbóreas que a converten nun espazo protexido pola Rede Natura 2000. Ademais do pato asubiador, que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia, é posible observar outras aves anátidas e limícolas atractivas.
O percorrido pola Enseada de San Simón será ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife e inclúe o desprazamento en autobús. As persoas participantes deberán levar roupa cómoda e calzado apropiado, e terán á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, recibirán cadansúa guía.
O programa Voando nas Rías Baixas completou en 2025 un total de sete percorridos por espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexido pola Rede Natura 2000. Tratáronse, ademais deste último que terá lugar este domingo pola enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa), da foz da Ramallosa e praia América (Nigrán), da Costa Costa sur da ría de Arousa (Cambados e Vilanova de Arousa), das Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), da praia da Lanzada (Sanxenxo e O Grove), dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), e do esteiro do río Lérez e o espazo intermareal Combarro Lourido (Pontevedra-Poio)



