Home Deputacións Deputación Pontevedra A Deputación pecha este sábado en Ponteareas os obradoiros de banda deseñada...

A Deputación pecha este sábado en Ponteareas os obradoiros de banda deseñada Xuventude en Viñetas

0
4

O deputado provincial Pablo Castillo inaugurará a última sesión formativa deste programa, centrada en “Como contar historias: a composición visual na banda deseñada” e impartida por Sergio Covelo a partir das 11:00 horas na Residencia de Artistas Artistea

O ciclo, destinado a mozas e mozos de 12 a 18 anos, tamén pasou durante este mes de novembro polos concellos de Pontevedra, A Estrada, Sanxenxo e Ponteareas

A Deputación de Pontevedra pecha este sábado, 29 de novembro, no concello de Ponteareas o novo programa Xuventude en Viñetas, un ciclo de obradoiros de banda deseñada dirixidos a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos. A cuarta cita destas formacións será inaugurada polo deputado provincial Pablo Castillo.

O obradoiro “Como contar historias: a composición visual na banda deseñada” terá lugar en horario de 11:00 a 13:00 horas na Residencia de Artistas Artistea. Será impartido por Sergio Covelo e abordará a historia da banda deseñada, autores e referentes, a creación de guións e a composición de páxinas. Completarase coa realización dun exercicio práctico que consistirá na creación dunha historia breve que aborde un problema real ou imaxinario na comarca de residencia dos participantes.

Xuventude en Viñetas, que ao longo deste mes de novembro percorreu os concellos de Pontevedra, A Estrada, Sanxenxo e Ponteareas, ten por obxectivo impulsar os intereses artísticos da mocidade da provincia, á vez que promove a creatividade como unha ferramenta de expresión persoal e ofrece un ocio saudable e alternativo. Todos os obradoiros teñen como fío condutor a vida na provincia e as mozas e mozos participantes deberán levar papel, lapis, goma, bolígrafos e rotuladores.