En colaboración co Concello, a veciñanza poderá deixar os seus vellos enseres nun “punto de acopio” que xestionará a Deputación, complementando así o servizo “porta a porta” que a institución provincial presta por toda a provincia e que ven de rexistrar un considerable incremento da demanda durante a pandemia.
A Deputación de Ourense, en colaboración co Concello de Ribadavia, porá en marcha unha experiencia piloto na recollida de residuos voluminosos para complementar o servizo “porta a porta”, que está a rexistrar un considerable aumento da demanda en toda a provincia e precisa de iniciativas de reforzo. Así o anunciou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, que acompañado polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, visitou o lugar de Foz, onde se centralizará esta iniciativa.
A experiencia piloto consistirá na apertura dun “punto de acopio”, no que as veciñas e veciños de Ribadavia poderán deixar os seus residuos voluminosos (mobles, sofás, colchóns, lámpadas ou aparellos electrónicos e electrodomésticos), restos que con posterioridade serán retirados polos vehículos da Deputación e entregados aos xestores de residuos autorizados.
Na actualidade, a Deputación de Ourense presta o servizo de recollida de residuos voluminosos “porta a porta” a 54 concellos adheridos ao convenio marco, “e a demanda non deixa de crecer, polo que estabamos abertos a novas iniciativas para complementar e reforzar este labor, e o alcalde de Ribadavia puxo sobre a mesa unha interesante proposta que agora imos probar”, afirmou Pablo Pérez.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, agradeceu pola súa banda a receptividade da Deputación á súa proposta, “que permitirá ofrecer á veciñanza de Ribadavia dúas opcións para que se podan desfacer dos seus vellos enseres, xa que ademais do punto de acopio de Foz tamén seguirá funcionando o servizo porta a porta”.
Durante a pandemia, este servizo gratuíto rexistrou un considerable incremento na demanda que obrigou a Área de Medio Ambiente a adoptar, no pasado decembro, unha primeira medida de reforzo coa incorporación de dous vehículos adaptados que percorren toda a provincia para recoller os residuos voluminosos, segundo a relación de peticións que periodicamente trasladan os concellos á Deputación, evitando así o desprazamento da veciñanza ás instalacións de recollida e, ademais, a aparición de vertedoiros incontrolados.