O deputado de Cultura, Jorge Cubela, puxo en valor o éxito desta iniciativa da que xa desfrutaron 5.000 persoas en nove espectáculos celebrados en Ponteareas, Poio, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, O Rosal, A Cañiza, Cangas, Baiona e Sanxenxo
A primeira cita de “Descubrindo a Valle Inclán” terá lugar este venres ás 21:00 horas no Multiúsos de Moraña. O sábado, 27 de setembro, chegará a Mondariz e os días 25 e 26 de outubro a Forcarei e Vilanova de Arousa
A Deputación de Pontevedra pon o broche de ouro ao “exitoso programa” Son Verán con “Descubrindo a Valle Inclán”, catro concertos de Teo Cardalda e María Monsonís en Moraña, Mondariz, Forcarei e Vilanova de Arousa. Para o deputado de Cultura, Jorge Cubela, Son Verán ten sido un “éxito rotundo, con ata 5.000 persoas que gozaron desta iniciativa da que nos sentimos tan orgullosos, que chegou para quedarse e agardamos repetir o vindeiro ano porque esta provincia ten calidade artística de sobra e espazos marabillosos de sobra”.
O deputado, que no acto de presentación estivo acompañado dos propios artistas e da alcaldesa e alcaldes de Forcarei, Mondariz e Moraña, Belén Cachafeiro, Pablo Barcia e Sito Gómez, así como do concelleiro de Cultura de Vilanova de Arousa e tamén deputado provincial, Javier Tourís, subliñou que “Descubrindo a Valle Inclán” trátase “dunha mestura marabillosa de música e literatura, dun espectáculo que bebe do traballo discográfico Claves líricas, editado por Altafonte e que contén un libro disco con manuscritos, fotografías, láminas inéditas e nove poemas de Valle Inclán musicalizados por Teo Cardalda”. “Agardamos con esta iniciativa –engadiu Jorge Cubela- proporcionar un novo xeito de achegarnos á figura deste ilustre escritor, da súa dimensión creativa e tamén de recordar a estreita relación que gardou coa súa provincia natal, coa que tivo un vínculo especial e que tanto marcou a súa traxectoria”.
Neste eido, o deputado convidou a toda a cidadanía a desfrutar das catro citas de “Descubrindo a Valle Inclán” ao abeiro de Son Verán, que comezarán este venres 26 de setembro ás 21:00 horas no Multiúsos de Moraña, continuarán o sábado 27 de setembro ás 22:00 horas na Praza de Abastos de Mondariz, o 25 de outubro ás 20:30 horas no Auditorio de Soutelo de Montes e se pechará, “como non podía ser doutro xeito, en Vilanova de Arousa, berce de Valle-Inclán”, o domingo 26 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio da vila.
Son Verán
Cubela aproveitou a ocasión para facer balance de Son Verán, o programa lanzado por vez primeira pola Deputación de Pontevedra que levou a nomes recoñecidos do panorama musical galego a contornas paisaxísticas e patrimoniais de referencia na provincia de Pontevedra. Trece citas en total, contando as catro que se porán en marcha estas semanas de “Descubrindo a Valle Inclán”, que levaron desde a música tradicional e celta de Carlos Núñez e Óscar Ibáñez, as pasadas semanas no Castro da Troña en Ponteareas, no Mosteiro de Poio e en Vilanova de Tenorio, no meu concello, Cerdedo-Cotobade; aos concertos de Emilio Rúa end lugares espectaculare de Vila de Cruces, O Rosal e A Cañiza; ou a homenaxe que rendemos a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti no porto de Cangas, na excolexiata de Baiona e no auditorio de Sanxenxo.
“Queremos descentralizar as actividades culturais por todos os recunchos da provincia de Pontevedra e iniciativas como Son Verán son boa mostra da nosa vontade de impulsar unha programación musical de primeiro nivel en todas as comarcas de Pontevedra”, remarcou o deputado Jorge Cubela quen asegurou que “á cifra de 5.000 persoas que asistiron ao Son Verán ata o de agora se sumarán moitas máis co espectáculo “Descubrindo a Valle Inclán”.