O volume publícase sempre nos últimos meses de ano, ininterrompidamente dende 1986 coincidindo coa posta en marcha da Escola Provincial de Gaitas e recompila a actividade realizada no exercicio anterior (neste caso do 2023) e artigos de investigación do mundo da gaita e da música e cultura tradicionais
A nova edición inclúe traballos sobre a gaita sueca ou os sons da rúa, así como homenaxes a persoeiros falecidos e fotos antigas
A Deputación de Ourense acolleu esta mañá a presentación da 38ª edición do Anuario da Gaita, unha publicación que recolle o intenso e especializado traballo que cada ano realiza a Escola Provincial de Gaitas en torno a este instrumento, como emblema da cultura galega: a gaita. O volume publícase sempre nos últimos meses de ano, ininterrompidamente dende 1986 coincidindo coa posta en marcha da escola, e recompila a actividade realizada no exercicio anterior (neste caso do 2023) e artigos de investigación do mundo da gaita e da música e cultura tradicionais.
Na presentación do número 38 do Anuario da Gaita participaron o asesor de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, quen subliñou que este traballo “pasou de ser unha humilde publicación a un referente internacional en canto á investigación científica e recursos do instrumento”.
Tamén estiveron presentes os investigadores Óscar Ibáñez e Juan Carlos López, que destacaron o rigor científico das investigacións sobre o mundo da gaita, que converten ao anuario en referente non só en Galicia senón tamén internacionalmente, ademais de sumar ás xeracións máis novas.
Pola súa banda, o director da Escola Provincial de Gaitas e coordinador da publicación, Xosé Lois Foxo, apuntou que en cada número recóllense traballos dos mellores especialistas de Europa en torno á gaita, “transmitindo unha imaxe única desde Ourense ao mundo, que nos move a seguir traballando pola nosa cultura”.
O Anuario chega a diferentes bibliotecas e estudosos do instrumento dos cinco continentes, dando conta das buscas, como actividades do Museo Internacional de Cornamusas, Real Banda de Gaitas, Festivais e incluso pasamentos de persoeiros destacados no mundo da música tradicional.
Dos sons da rúa á gaita sueca
Na presente publicación hai que destacar traballos realizados sobre a gaita belga, de Pol Ranson; sobre os sons da rúa como o apito galego en Arxentina e Uruguai, de Norberto Pablo Cirio ou sobre a “säckpipa”, a gaita sueca, cunha investigación de Anna Rynefors.
Xunto cunha escolma de fotos antigas, o anuario tamén recupera a actividade de certames como o Celtibérico de Bandas de Gaitas ou o Serán da Seitura, así como o clásico concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas.
Na publicación tamén se publican os pasamentos de persoeiros destacados do mundo da cultura e da música tradicional, con recordos para o profesor Domingo Neira, o mestre percusionista Allan Chatto, ou ás cantoras Paclín Clotilde Salgado ou Dorinda Pérez.