HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación presenta en Ribadumia un estudo sobre o potencial enerxético do...

A Deputación presenta en Ribadumia un estudo sobre o potencial enerxético do municipio con enerxías renovables

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial Javier Tourís presentou os resultados deste informe enmarcado na Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables

O deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos, Fondos Europeos e Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Javier Tourís, presentou na Casa do Concello de Ribadumia os resultados dun estudo sobre o potencial enerxético do municipio. O proxecto enmárcase na Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, un proxecto que busca fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en toda as comarcas da provincia, alcanzando tanto núcleos urbanos e rurais como industriais, así como outras medidas para o impulso da eficiencia enerxética e a loita contra o cambio climático na provincia.

O estudo ten como obxectivo analizar o potencial de aproveitamento das enerxías renovables no municipio de Ribadumia, identificando as áreas máis axeitadas para o desenvolvemento de proxectos de comunidades enerxéticas, así como o potencial solar fotovoltaico nas cubertas de edificios municipais. Na actualidade, Ribadumia ten unha forte dependencia de combustibles fósiles e un potencial de xeración renovable alto, así como condicións favorables para o desenvolvemento dunha comunidade enerxética polo seu potencial renovable, pola súa capacidade de integración na rede e polo compromiso ambiental do goberno local.

Ribadumia posúe condicións favorables para o desenvolvemento dunha comunidade enerxética solar tanto en cubertas de edificios municipais como en terreos. Coas inclinacións óptimas, a alta irradiación global e a implantación de paneis, o aforro enerxético que se conseguiría sería importante. As estimacións en canto á produción enerxética mediante esta vía (entre 1.215 e 1.350 heq) son interesantes para o seu desenvolvemento, e entre as cubertas de todo o municipio existe potencial para instalar máis de 49 MW que producirían (potencialmente) 60 GWh eléctricos anuais, superior ao consumo eléctrico anual do municipio.

Ademais, o concello conta con sete edificios municipais que poderían ter unha potencia instalada maior de 20 kW: o pavillón, a depuradora, o CPI Julia Becerra Malvar, os campos de fútbol da Bouza e da Senra, o auditorio e pavillón e a escola infantil. Só cubrindo os consumos destes edificios a cobertura da demanda sería do 39,5% e o excedente de preto dun 73%, especialmente no verán, polo que para podelo reducir a un excedente do 5% existiría potencial para a entrada de fogares no autoconsumo colectivo xunto cos consumos do concello. As instalacións terían un custo global de arredor de 673.000 euros.

Outras enerxías valoradas no estudo son a biomasa (cuxa viabilidade, tendo en conta os datos, dependería da escala do proxecto), a eólica (sen potencial en Ribadumia), o biogás (insuficiente a grande escala, pero si se podería implantar unha coxeración con potencia contida e axustada ao residuo local xerado) e a xeotérmica (o estudo sinala que o conxunto da provincia se podería consolidar como unha rexión referente, para o que sería preciso unha mellora das instalacións e a promoción de políticas que favorezan adoptalas).

A Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación +Renovables, financiada con fondos Next Generation EU, está situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro (situado no Polígono de Barro), e trátase dun espazo desde o que se está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade.

Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial. O seu obxectivo é impulsar entre a poboación da provincia a transición enerxética, potenciar a autosuficiente enerxética das vilas e aldeas, mellorar a eficiencia enerxética e contribuír a unha transición cara a un modelo de enerxía máis sostible e responsable.

Desde +Renovables a Deputación acompaña aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, ofrecéndolles un completo asesoramento nas fases de constitución, desenvolvemento e explotación das comunidades enerxéticas. Durante este tempo axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén se presta asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realízanse informes previos de cara á implantación das comunidades enerxéticas que inclúen a análise da capacidade produtiva de enerxía, estudos económicos para coñecer a viabilidade financeira dos proxectos, ou tamén outros de carácter legal e xurídico.

Publicacións Relacionadas