A institución provincial colabora co evento gastronómico, que se celebrará entre o 6 e o 8 de decembro, cunha sesión de cinema e dereitos sociais e a xornada +Convivir para o movemento veciñal da vila
O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu este luns a presentación da Festa da Richada de Forcarei, que se celebrará entre os días 6 e 8 de decembro coa colaboración da Deputación de Pontevedra. O deputado de Cultura, Jorge Cubela, asistiu á presentación, na que tamén estivo presente a alcaldesa de Forcarei e deputada provincial Belén Cachafeiro.
A Deputación de Pontevedra programa ao abeiro da Festa da Richada varias actividades, como unha sesión de cinema na rúa o sábado 6 de decembro ás 17:00 horas ao abeiro do programa Somos Ponte en movemento. Proxectaranse curtametraxes de animación para todos os públicos arredor dos dereitos e a solidariedade, en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD. A actividade terá lugar na Praza do Concello ou, no caso de choivas, no Salón de actos da Casa do Concello.
Ademais, o luns 8 de decembro terá lugar a última xornada do ano do programa provincial +Convivir, a partir das 16:30 horas no Auditorio de Soutelo de Montes. Esta xornada de convivencia para o movemento asociativo da vila consistirá nunha charla sobre alzhéimer, un obradoiro de risoterapia e tamén unha sesión de ximnasia de mantemento. A xornada completarase con música e un refrixerio para as persoas asistentes.
A carne richada é o prato máis típico de Forcarei e xurdiu unido a Ruta dos Arrieiros, o sendeiro tradicional utilizado para transportar o viño producido nas fincas dos mosteiros e outros produtos da zona ata os puntos de venda da época. A Festa da Richada comezou no ano 1976 e celébrase o primeiro domingo de Nadal, reunindo comensais de toda Galicia e medrando ano tras ano a súa afluencia de público. Ademais destas actividades este ano tamén haberá sesións de showcooking, sesións vermú con degustación, actuacións musicais e teatrais ou unha disco-verbena.



