HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación presenta o número 53 da revista Raigame, dedicado a Xesús...

A Deputación presenta o número 53 da revista Raigame, dedicado a Xesús Ferro Couselo no seu 50 cabodano

- Anuncio -spot_img

O monográfico reúne achegas de recoñecidos autores e investigadores como Xesús Alonso Montero, Felipe-Senén, César Llana, Antón Vidal, Xulio Rodríguez, José María Eguileta, Maribel Outeiriño, Jesús de Juana, Miguel Ángel Martínez, Alfonso Vázquez-Monxardín, Pablo Sánchez e Isabel Almuiña

A Deputación de Ourense vén de presentar o número 53 da revista Raigame, unha edición monográfica dedicada a Xesús Ferro Couselo con motivo do 50 aniversario do seu falecemento, que se cumpriu no ano 2025.

Na rolda de prensa para tal fin participaron o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o director da revista,  Xulio Fernández Senra; Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense; e Anxo Lorenzo como representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, órgano do que depende o Arquivo Histórico Provincial.

César Fernández referiuse a Raigame como “unha das publicacións senlleiras da Deputación, institución sempre comprometida coa nosa cultura e a nosa identidade”. Anxo Lorenzo, pola súa parte, enxalzou á revista “como un referente na investigación do noso patrimonio cultural” e salientou a figura de Ferro Couselo como “fundamental na historia cultural de Ourense e Galicia, que loitou por acadar proxectos estruturantes”. Pablo Sánchez Ferro, neto e sucesor de Ferro Couselo á fronte do Arquivo Histórico Provincial, que ademáis coordinou este número da revista adicado ao seu avó, lembrou que a súa figura “está presente dun xeito moi vivo entre nós” e manifestou o seu agradecemento á Deputación “polo seu exemplar compromiso coa cultura”. Xulio Fernández Senra, pola súa parte, lembrou que Raigame “naceu no 94 a semellanza da Revista Nós e agora no século XXI actualizamos formato coa incorporación da cor” e avanzou un próximo número monográfico dedicado a Otero Pedrayo.

Este número especial de Raigame ofrece un amplo percorrido pola biografía, a traxectoria profesional e a obra polifacética de Xesús Ferro Couselo, figura fundamental da cultura galega do século XX, que destacou como investigador, historiador, etnógrafo, paleógrafo, arqueólogo e divulgador da historia de Ourense.

Nado en Valga (Pontevedra), Ferro Couselo chegou a Ourense en 1941, cidade na que residiu ata o seu falecemento en 1975, desenvolvendo unha intensa actividade cultural ligada ao Arquivo Histórico Provincial, ao Museo Arqueolóxico e ao ensino, ademais de impulsar iniciativas clave como o Grupo Marcelo Macías e a publicación do Boletín Auriense, que seguen vixentes na actualidade. En 1979 foi nomeado Fillo Adoptivo a título póstumo da cidade de Ourense e en 1996 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.

O monográfico reúne achegas de recoñecidos autores e investigadores como Xesús Alonso Montero, Felipe-Senén, César Llana, Antón Vidal, Xulio Rodríguez, José María Eguileta, Maribel Outeiriño, Jesús de Juana, Miguel Ángel Martínez, Alfonso Vázquez-Monxardín, Pablo Sánchez e Isabel Almuiña. A publicación complétase cun facsímile do número especial de Raigame dedicado a Ferro Couselo no ano 1996 con motivo das Letras Galegas.

A revista conta cunha tirada de 750 exemplares e distribuirase gratuitamente a centros educativos da provincia, bibliotecas, museos, universidades e centros culturais. As persoas interesadas tamén poderán solicitala no Servizo de Publicacións e no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense.

Con esta nova entrega de Raigame, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa conservación, difusión e posta en valor da memoria cultural da provincia, rendendo homenaxe a unha figura esencial para entender a historia intelectual e patrimonial de Ourense e de Galicia.

Publicacións Relacionadas