HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación programa tres obradoiros de capacitación tecnolóxica no marco do programa...

A Deputación programa tres obradoiros de capacitación tecnolóxica no marco do programa +Reto Dixital en Rodeiro

- Anuncio -spot_img

Máis de 35 veciños participarán nas accións centradas nas aplicacións do Sergas, na banca móbil e nas redes sociais

+Reto Dixital é un programa que busca facilitar o acceso das persoas maiores aos servizos da Administración pública e dotalas de autonomía nos trámites cotiáns adquirindo competencias dixitais coas que mellorar a súa calidade de vida

A Deputación de Pontevedra continúa a partir deste luns 13 de outubro en Rodeiro a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital con tres novos obradoiros nos que participarán un total de 36 veciños e veciñas da localidade. Esta iniciativa da institución provincial ten como obxectivo formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.

Todos os cursos terán lugar no Centro cultural Manuel Llamazares, en horario de 10:00 a 12:30 horas e de 9:30 a 12:00, coa participación de 15, 10 e 11 alumnos en cada unha das tres actividades. A primeira en ter lugar será o curso “Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA”, con dúas sesións este luns e martes, 13 e 14 de outubro. A seguinte semana, os días 20 e 21 de outubro, celebrarase o curso “Uso da banca móbil e as compras electrónicas”, e por último os días 27 e 28 de outubro desenvolveranse as dúas sesións da acción formativa sobre “Redes Sociais”.

Están a participar en +Reto Dixital, dotado cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico. Os obradoiros xa comezaron no concello de Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Portas, Meaño, Sanxenxo e agora Rodeiro, e seguiranlle Pontecesures, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.

Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (‘A Administración electrónica’, ‘A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello’, ‘Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA’, ‘Uso da banca móbil e as compras electrónicas’ e ‘As redes sociais’) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.

Publicacións Relacionadas