A Deputación de Ourense, a través do Inorde, vén de organizar unha presentación do destino turístico da Ribeira Sacra e unha cata de viños comentada en lingua galega na sé do Instituto Cervantes de Nápoles, con motivo do Día Europeo das Linguas.
Esta actividade, enmarcada no convenio coa Axencia de Turismo de Galicia para a promoción do enoturismo na provincia de Ourense, achegou a un público internacional o rico patrimonio cultural da Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO.
O encargado de realizar a cata foi Bruno Lovelle Estévez, técnico superior en Restauración de Alimentos e diplomado en Turismo, acompañado de Begoña Cádiz, técnico do Inorde.
Os viños que protagonizaron a cata pertencen todos ás adegas da provincia de Ourense dentro da D.O. Ribeira Sacra: Ponte da Boga Godello 2023 (branco), Peza do Rei Barrica 2023 (tinto envellecido), Viña Dariz Mencía 2023 (tinto xove), e Corga Brancellao 2019 (elaboración especial).
Ademais de achegar información sobre a historia deste territorio, a cata permitiu explicar aos participantes o concepto de “viticultura heroica” que caracteriza o cultivo de viñedos en ladeiras empinadas, onde o traballo debe realizarse manualmente debido á inaccesibilidade e á inclinación do terreo. Deste modo, os viticultores da Ribeira Sacra continúan unha tradición milenaria, producindo viños de gran calidade.
Cabe destacar que o Centro de Investigación, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña (CERVIM), que outorga o selo específico que define este tipo de viticultura ten sé en Italia. En España só tres Denominacións de Orixe poden empregalo, sendo unha delas a da Ribeira Sacra.