A iniciativa enmárcase no Programa de Fomento Deportivo da Deputación e principiará o 12 de agosto, con cinco xornadas de competición en cada unha das cales participarán, noutras tantas sedes, os equipos inscritos de varias comarcas
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles en cada sede (fegaba.com)
A Deputación de Ourense, en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, promove un torneo 3×3 de baloncesto de carácter popular, para todas as idades, gratuíto e aberto a equipos de todas as comarcas.
Na presentación desta iniciativa, que se enmarca no programa de Fomento Deportivo 2025 da Deputación, participaron o vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández; o presidente da Federacion Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; Carlos Puga, concelleiro de deportes de Allariz; Antonio Fernández, tenente alcalde de Xinzo de Limia; e María José Varela, secretaria da delegación ourensá de Baloncesto.
As características desta modalidade, máis sinxela de practicar por número de participantes e con só un aro, encaixan totalmente na política deportiva da institución provincial, xa que facilita a práctica deportiva dun xeito lúdico; fomenta a actividade física en todas as idades e por todas as comarcas; incrementa a oferta deportiva e accesible no rural.
A inscrición no Torneo de Baloncesto 3×3 será gratuíta e contará con 7 categorías: prebenxamín; benxamín; alevín; infantil; cadete; júnior; e sénior, con equipos masculinos, femininos ou mixtos, que deberán estar integrados por catro membros.,
Para a celebración desta competición establecéronse cinco xornadas, en cada unha das cales participarán noutras tantas sedes os equipos inscritos de varias comarcas. De todas as fases comarcais clasificaranse dos equipos por categoría que accederán á xornada final, que se disputará no Pazo dos Deportes Paco Paz.
A distribución por comarcas principia o 12 de agosto en Viana do Bolo para as comarcas de Trives, Viana e Verín; continúa 16 de agosto en Xinzo da Limia para as zonas de A Limia, Celanova e Baixa Limia; o 30 de agosto a sede será O Carballiño para as comarcas do Carballiño e Ribeiro; o 31 de agosto tócalle a Allariz para as zonas de Ourense, Allariz-Maceda e Terras de Caldelas; e o 4 de setembro no Barco para os equipos de Valdeorras.
As inscricións poden realizarse na web da Federación Galega de Baloncesto (www.fegaba.com) e o prazo permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles en cada sede.
O baloncesto 3×3 foi olímpico en 2020 e 2024, é o deporte de equipo urbano número uno no mundo e xógase nunha única canastra con tres xogadores en cancha por equipo.