O deputado responsable de Mouriscade, Jorge Cubela, remarcou que “nos dous primeiros anos de goberno de Luis López na Deputación os recursos para este centro punteiro da provincia ascenderon a 4,1 millóns de euros”
“O noso obxectivo é situar a Finca Mouriscade na vangarda de investigación sobre o medio rural e a gandaría e, con recursos como os que temos consignado para o próximo ano, estamos dando pasos cara adiante para conseguilo”, asegurou o deputado quen engadiu que o orzamento para o 2026 medrará nun 2%
A Deputación de Pontevedra promoverá melloras nas instalacións e equipamentos da Finca Mouriscade por valor de 700.000 € no 2026. Así o confirmou o deputado responsable destas instalacións de Lalín, Jorge Cubela, en conferencia de prensa onde tamén recordou que “nos dous primeiros anos de goberno de Luis López na Deputación os recursos para este centro punteiro da provincia ascenderon a 4,1 millóns de euros”.
“O noso obxectivo é situar a Finca Mouriscade na vangarda de investigación sobre o medio rural e a gandaría e, con recursos como os que temos consignado para o próximo ano, estamos dando pasos cara adiante para conseguilo”, asegurou o deputado quen engadiu que o orzamento para o 2026 medrará nun 2%. Ao respecto, tal e como detallou, de cara ao vindeiro ano investiranse 700.000 € para renovar a instalación eléctrica da granxa, pero tamén para seguir modernizando os equipamentos deste centro, cun novo ecógrafo para a gandaría ou a subministración dun equipo para realizar analítica de augas. Ademais, investiranse recursos na renovación de silos e básculas da gandaría e está previsto a construción dunha nova nave de lactantes, que conta cun orzamento de 200.000 €.
A estes 700.000 € para a mellora das instalacións e dos equipamentos da Finca Mouriscade, tal e como explicou Jorge Cubela, “haberá que engadir outros centos de miles de euros para acordos con diferentes entidades para o fomento, impulso e modernización do sector primario e do medio rural da provincia de Pontevedra”.
4,1 millóns de euros en dous anos de goberno
Jorge Cubela recordou que “nestes dous anos que levamos gobernando na Deputación de Pontevedra temos destinado, nada máis e nada menos, que máis de 4,1 millóns de euros ao impulso da Finca Mouriscade”. Ao detalle, 3,1 millóns foron dirixidos á mellora das estruturas e sistemas produtivos e outro máis dun millón de euros ao desenvolvemento do rural a través de diferentes programas liderados polo equipo técnico destas instalacións da Deputación en Lalín.
Nestes dous anos púxose en marcha un laboratorio punteiro en Mouriscade, cun investimento de 814.000 euros, e destináronse preto de 75.000 euros á mellora da calidade xenética dos animais e á obtención de ovocitos de animais “elite” que, en palabras do deputado, “nos permiten afirmar que a gandaría destas instalacións sitúase no segundo posto de toda España con mellor índice combinado e no terceiro posto por mérito económico”.
Ademais, neste período dirixíronse máis de 100.000 € para a avaliación xenómica da eficiencia alimentaria, para as Escolas de Xóvenes Gandeiros, para aportar embrións e lotes de animais para poxas, para ensaios de campo e cultivos forraxeiros, para fitosanitarios e abonos, así como para análises e diferentes actividades dirixidas á mellora do sector primario e do medio rural da provincia.



