O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, foi o encargado de recibir aos rapaces e rapazas e ás súas familias de acollida, no marco do programa que vén desenvolvendo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui desde hai máis de 30 anos: “A Deputación de Ourense, o concello de concellos da nosa provincia, é a vosa casa”, sinalou
O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, recibiu esta mañá no salón de plenos do Pazo Provincial aos nenos e nenas saharauis que están a pasar o verán na provincia, dentro do programa “Vacacións en paz” que desenvolve desde hai máis de 30 anos a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. De feito, os responsables desta organización destacaron o “apoio constante” da Deputación de Ourense durante estas máis de tres décadas.
O principal obxectivo deste programa é o de trasladar a nenos/as, nados no medio dun clima de guerra, procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria), para pasar dous meses de verán acollidos por familias dos Concellos de Galicia.
Trátase de propiciarlles unha estancia agradable e ofrecerlles, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non só na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharaui.