Durante seis días os pequenos desfrutarán nas instalacións do Grove dun amplo programa con actividades educativas, culturais, deportivas e formativas
Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra reunirán na súa décima quenda a partir deste domingo, 24 de agosto, un total de 140 nenos e nenas de 23 concellos da provincia. Ao longo de seis días, ata o sábado 30 de agosto, os cativos poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Neste verán e ata o 6 de setembro, serán en total 1.540 menores empadroados nalgúns dos concellos da provincia os que participen nas once quendas en que se dividen os campamentos.
Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións que a Deputación ten no Grove (nados entre 2012 e 2017) proceden dos concellos de Agolada (1), Baiona (1), Bueu (1), Cambados (2), Cangas (3), Cuntis (3), A Estrada (1), Gondomar (3), O Grove (1), A Guarda (1), Lalín (2), Marín (4), Mondariz (4), Nigrán (4), Poio (3), Ponteareas (1), Pontevedra (23), Redondela (3), Salceda de Caselas (4), Tomiño (3), Vigo (66), Vilagarcía de Arousa (5) e Vilanova de Arousa (1).
No Centro de Vacacións da Lanzada, emprazado en San Vicente do Mar (O Grove), a cativada poderá desfrutar dun completo programa de actividades nas que salientan as deportivas, que terán lugar tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) como na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia). Tamén desfrutarán de actividades artísticas, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro e contacontos, baile e actividades culturais e realizarán excursións a lugares como a illa de Ons.