HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación reclama ao Estado máis de 2 millóns de euros para...

A Deputación reclama ao Estado máis de 2 millóns de euros para reparar os danos dos temporais na rede viaria provincial 

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno aproba tamén máis de medio millón de euros en axudas para actuacións en 13 municipios de melloras no abastecemento e saneamento, pavimentacións e intervencións na rede viaria, acondicionamento de espazos públicos, rehabilitación de equipamentos municipais e melloras en infraestruturas locais

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, informou hoxe dos acordos adoptados na Xunta de Goberno celebrada esta mañá, na que se deu conta da presentación ante o Goberno de España das memorias xustificativas polos danos causados polos últimos temporais na rede viaria provincial, cifrados en 2.017.613,83 euros.

Esta documentación foi remitida ao Ministerio de Política Territorial co obxectivo de optar ás axudas previstas tras a declaración de Zona Afectada Gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil, referida aos temporais rexistrados entre o 10 de novembro de 2025 e o 9 de febreiro de 2026.

Os informes técnicos elaborados polos servizos provinciais describen diversas afeccións en diferentes puntos da rede viaria, entre elas o colapso de drenaxes por arrastres e sedimentos, deterioro de firmes con fochancas e perda de adherencia, deslizamentos de terra e danos estruturais en muros de contención.

Luis Menor destacou que se trata de actuacións necesarias para garantir a seguridade viaria e o bo estado das estradas provinciais, polo que a Deputación solicita ao Estado que cubra ata o 50 % destes investimentos, tal e como establece a normativa vixente. “Desde a Deputación imos ser firmes para que o Estado cumpra co que establece a normativa e cubra ata a metade destes fondos, permitindo así acelerar a reparación dos danos sufridos”, recalcou o presidente provincial.

Máis de 508.000 euros para concellos

Xunto a esta reclamación ao Goberno central, a Xunta de Goberno aprobou tamén 16 expedientes de cooperación municipal que suman 508.583,28 euros, destinados a actuacións en 13 concellos da provincia.

En concreto, as subvencións permitirán desenvolver actuacións en Barbadás, Beade, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Coles, A Gudiña, Petín, Porqueira, Rubiá, San Cibrao das Viñas, Sarreaus, Trasmiras e Vilamartín de Valdeorras.

As axudas están destinadas a diferentes intervencións de carácter municipal, entre elas melloras no abastecemento e saneamento, pavimentacións e actuacións na rede viaria, acondicionamento de espazos públicos, rehabilitación de equipamentos municipais e melloras en infraestruturas locais.

Máis de 2,5 millóns mobilizados para a provincia

O presidente provincial salientou que, sumando estas axudas aos concellos e os recursos solicitados ao Estado para reparar os danos dos temporais, a Deputación está a mobilizar máis de 2,5 millóns de euros para a provincia de Ourense.

Neste sentido, subliñou que o obxectivo da institución provincial “é dar resposta ás necesidades dos concellos e garantir que os investimentos cheguen a todo o territorio, reforzando ao mesmo tempo a seguridade e o mantemento das infraestruturas provinciais”.

Publicacións Relacionadas