Luis Menor puxo en valor a Ourense como “a provincia máis segura, a única que ten completado o seu mapa de emerxencias”
A sesión desta semana da Xunta de Goberno moviliza 1.053.650,34 euros a cooperar con municipios e entidades da provincia
Para obras e servizos de diferentes concellos, a Deputación destina 307.150,34 euros
Á cooperación con diferentes entidades, a institución provincial asigna esta semana un total de 341.000 euros
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na súa reunión semanal un total de 34 asuntos que supoñen mobilizar máis dun millón de euros (1.053.650,34). A cooperación cos concellos é o capítulo máis cuantioso, con 712.150,34 euros, mentres que para colaboración con entidades destínanse 341.000 euros.
Na cooperación cos concellos destacan máis os 405.000 euros habilitados para axudar a servizos de emerxencias e protección. Por unha banda resolveuse a convocatoria de subvencións para agrupacións de Protección Civil en concellos de menos de 50.000 habitantes. Unha liña de axudas dotadas con 75.000 euros, “moi importante, para cubrir gastos que supoñen un afogamento a concellos pequenos”, destacou Menor durante a rolda de prensa de valoración dos acordos da Xunta de Goberno.
Ademais, puxo en valor que “Ourense é a provincia máis segura, a única que ten completado o seu mapa de emerxencias”, destacando a colaboración coa Xunta de Galicia, en convenios como o que permite que as catro mancomunidades de Monterrei, Celanova, Ribeiro e Carballiño teñan catro brigadas funcionando durante seis meses.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou diversas axudas a concellos para gastos de funcionamento dos seus GES (Grupos de Emerxencias Supramunicipais). Así, Avión, O Barco, Castro Caldelas, Lobios, Maceda, Muíños e Ribadavia percibirán 40.000 euros para este fin. Do mesmo xeito, concédenselle 50.000 euros á Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense para axudar nos seus gastos de funcionamento.
Obras e servizos municipais
No que respecta a obras e servizos municipais, a contía destinada esta semana supera os 300.000 euros (307.150,34 euros).
Estas achegas servirán para manter campos de fútbol, a celebración de probas deportivas, ao funcionamento de servizos como o Conservatorio, a manter e dinamizar museos, a cofinanciar proxectos, a realizar melloras en locais veciñais e pistas, a mellorar beirarrúas, a pavimentar rúas, etc.
Cooperación con entidades
No capítulo de cooperación con entidades, a cantidade consignada esta semana é de 341.000 euros.
Así, a Deputación axuda con 8.000 euros ao Moto Club da Peroxa para a organización de campionatos na provincia; colabora con 45.000 euros coa Asociación Empresarial de Valdeorras para os seus gastos e proxectos neste ano; e coopera coa Academia Galega do Audiovisual con 87.500 euros.
No eido social, Cruz Vermella obtén 50.000 euros para o seu programa de actividades; a Fundación Gavela obtén 60.000 euros; Alcer Ourense recibirá 10.000 euros; a Asociación Escola Rural de Saúde da Limia percibirá 20.000 euros e a Asociación de Persoas Xordas de Ourense obterá 25.000 euros.
Completan as axudas a Fundación Ínsua dos Poetas (18.000 euros); a Sociedade Artística La Troya (6.000 euros) e a Escudería Motor Piñor (12.000 euros).