Nunha visita á sede da entidade, o presidente provincial, Luis Menor, asinou estes documentos co presidente da entidade, Germán Rodríguez-Sáa, para “chegar a onde non chegan as outras administracións”, dixo o presidente provincial
Un dos convenios está centrado na colaboración da iniciativa de “Espazos sen fume” de instalacións da Deputación que afectan aos arredores do parque infantil de Cachamuíña no Pereiro, nas zonas de verdes da área do Salgueiral en Leiro, e de Muíños nos arredores da depuradora
Por outra banda, a Deputación apoiará as campañas da Asociación que promovan hábitos de vida saudables para a prevención do cancro, así como outras actividades que sexan beneficiosas para os afectados pola enfermidade ou teñan como finalidade a prevención do cancro
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe a sede da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense, onde asinou dous convenios de colaboración co presidente de dita entidade, Germán Rodríguez-Sáa, para reforzar a cooperación na loita contra o cancro na provincia.
Trala visita, o presidente da Deputación que asinou no libro de honra da entidade, puxo en valor a nova sede reformada cunha axuda da institución provincial e que simboliza o crecemento que está a vivir a AECC, pasando nestes catro anos dun orzamento de 400.000 euros a 1.200.000 euros, de 3.000 socios a 6.000 e de 90 voluntarios a 250.
Nesa liña de traballo da Deputación de chegar “a onde non chegan as outras administracións, achegamos o noso gran de area que é clave para que moitos proxectos, como este, saian adiante”, explicou o presidente provincial. Neste sentido, Menor lembrou que o goberno provincial está a traballar “con todas as asociacións que teñen un compromiso coa provincia e a AECC é unha delas”.
Ao fío disto, Luis Menor dixo que comparten o mesmo ADN entre ambas institucións que traballan para garantir que os servizos cheguen a todos os lugares e a todos os pacientes oncolóxicos con independencia da cantidade de persoas afectadas é “salvagardar os dereitos de todos os cidadáns con independencia de onde vivan”.
Ademais, o presidente da Deputación agradeceu á AECC que reivindique xunto a esta institución e á veciñanza, a supresión de paradas de tren na Gudiña, unha circunstancia que está a afectar aos pacientes oncolóxicos do territorio e está a supoñer un “ataque á saúde da provincia”.
Pola súa parte, o presidente da AECC de Ourense explicou que a sinatura destes dous convenios permitirán “incrementar a nosa política de prevención dentro dun plan estratéxico provincial” e “chegar a todos os municipios sen distinción” grazas á “institución de todos os ourensáns e ourensás”.
Nun repaso polos últimos anos, o presidente da AECC de Ourense fixo especial fincapé nun fito “histórico” porque “obtivemos a primeira axuda da Fundación Científica da AECC a nivel nacional para investigar desde Ourense”.
Convenios para reforzar a prevención e colaborar para que os servizos desta entidade cheguen a toda a provincia
No primeiro convenio, a Deputación comprométese a colaborar na difusión da campaña posta en marcha pola AECC para dar visibilidade á condición de “Espazos sen fume” de instalacións e establecementos. A través do mesmo, determínanse como novos espazos se fume as seguintes áreas de titularidade da Deputación: os arredores do parque infantil Cachamuíña no Pereiro de Aguiar; e as zonas verdes da área do Salgueiral en Leiro e as de Muíños, nos arredores da zona Depuradora.
Ademais, a institución provincial promoverá, con este obxectivo, que o organismo correspondente dite a normativa necesaria para a prohibición de fumar nas súas instalacións exteriores, mentres que a Asociación facilitará todos os recursos e ferramentas para sinalizar estes espazos.
O segundo convenio asinado reflexa a colaboración de ambas entidades a prol da loita contra o cancro. Con este fin, a Deputación apoiará accións da asociación enfocadas a informar e concienciar e a promover hábitos de vida saudables para a prevención do cancro, así como noutras actividades que sexan beneficiosas para os afectados pola enfermidade ou teñan como finalidade a prevención do cancro.
Así mesmo, co obxectivo de chegar a toda a provincia, a Deputación informará dos diferentes servizos que presta a AECC a todos os usuarios que necesiten asistencia en materia oncolóxica.



