HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación reivindica ás mulleres do Servizo de Axuda no Fogar no...

A Deputación reivindica ás mulleres do Servizo de Axuda no Fogar no “8M mes a mes” de agosto

- Anuncio -spot_img

A través da figura das auxiliares do Concello de A Bola, a área de Igualdade da institución provincial homenaxea o labor daqueles que, máis alá das tarefas asistenciais, convértense en confidentes, compañía e, en ocasións, o único vínculo co mundo exterior para moitos usuarios

A deputada Teresa Barge defende o labor das auxiliares de axuda no fogar como “un dos piares fundamentais e a miúdo subestimados do noso sistema de benestar social”

A Deputación de Ourense, a través da Área de Igualdade, e continuando co programa “8M, Mes a Mes”, pon en valor en agosto a figura das auxiliares de axuda no fogar e a labor esencial que realizan para os nosos maiores e persoas con discapacidade. Deste xeito, a Deputación dá visibilidade ao asasinato de Teresa de Jesús Rodríguez González, auxiliar de axuda no fogar no concello do Porriño, Pontevedra, que foi agredida por un usuario ao que prestaba servizo.

Para poñer nome e cara a esta figura participan nesta edición do “8M, Mes a Mes” as auxiliares de axuda no fogar do Concello de A Bola, xestionado polas traballadoras sociais Paula Blanco e Lucía Plaza. O lema seleccionado para este mes foi: “As gardiás invisibles do benestar”. Así, os profesionais que forman parte da Axuda no Fogar de A Bola son María del Carmen Alonso, María del Carmen Luaces, María del Carmen Alvela, Mari Cruz LosadaAsunción Ramírez, Jacobo García, Amaya Ravelo, Manuela Fernández e Victoria Salgado.

O SAF (Servizo de Axuda no Fogar) é un servizo que ofrece apoio e acompañamento ás familias, especialmente a aquelas con menores ou persoas con discapacidade, así como persoas maiores, para axudarlles no seus coidados e que poidan desenvolverse no día a día cun apoio no fogar.

A xestión do SAF de A Bola abarca moitos ámbitos, segundo trasladan Paula e Lucía. Entre outros, din, subministrar a medicación necesaria e solicitar citas médicas, así como labores de hixiene ou cociña. Trátase, explican, de “funcións necesarias no día a día, que aumentan a súa importancia nas persoas que viven solas ou que precisan unha axuda extra”.

A deputada de Igualdade, Teresa Barge, sinala: “O labor das auxiliares de axuda no fogar é, sen dúbida, un dos piares máis fundamentais e a miúdo subestimados do noso sistema de benestar social. Son profesionais que estenden unha man vital a quen máis o precisa, permitindo que persoas maiores, dependentes ou con diversidades funcionais poidan permanecer nos seus fogares, no seu entorno familiar, coa dignidade e calidade de vida que merecen”.

Dende a área de Igualdade reivindican o traballo do SAF como “máis alá de tarefas asistenciais, xa que son confidentes, compañía e, en ocasións, o único vínculo co mundo exterior para moitos usuarios”.

Publicacións Relacionadas