Os centros educativos da provincia interesados en participar en DepoEmprende na escola e DepoEmprende na ESO teñen de prazo ata o 30 de setembro para formalizar a súa solicitude
A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar unha nova edición do programa DepoEmprende, que se desenvolverá ao longo do vindeiro curso escolar 2025-2026 nos centros educativos da provincia. A iniciativa ten como obxectivo fomentar o emprendemento e a cultura emprendedora nas aulas como motor de innovación da competitividade, da creación de emprego e do crecemento económico. O programa está dividido en tres proxectos para as diferentes etapas da Educación Primaria e Especial, Secundaria e Formación Profesional, e os centros educativos da provincia poden xa solicitar a súa adhesión ata o próximo 30 de setembro.
En total, poderán participar un máximo de 28 centros escolares da provincia nos diferentes proxectos. Deste xeito, no caso de DepoEmprende na escola, dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial, poderán participar un máximo de 16 centros que crearán e xestionarán unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda. Parte dos beneficios que obteñan con esta actividade, doaranse a accións sociais ou ás ONG que escollan por consenso.
Por outra banda, ata 12 centros poderán participar en DepoEmprende na ESO, que está enfocado ao alumnado de 4º da ESO, que creará tamén cooperativas nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras segundo criterios de sostibilidade e responsabilidade social corporativa. Finamente, o proxecto culminará coa venda dos produtos e tamén unha parte irá destinada tamén a accións sociais ou ONG. Nesta modalidade o alumnado é protagonista da súa propia aprendizaxe, poñendo en práctica capacidades de negociación, de toma de decisións, de comunicación e resolución de conflitos.
Ao longo do programa a Deputación dotará os centros participantes de recursos e ferramentas para posibilitar o desenvolvemento eficaz das accións relacionadas con cada un dos proxectos, para as cales se realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación. A ferramenta principal é o Portal Educativo de DepoEmprende, unha plataforma que facilita e dinamiza a institución provincial a fin de potenciar a comunicación entre os centros participantes, favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua.