A vicepresidenta Luisa Sánchez asistiu á presentación da nova edición do festival, onde anunciou que a institución provincial volverá achegar 55.000 euros ao festival e patrocinará os dous escenarios de concertos
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou na presentación da nova edición do Vigo SeaFest que a institución provincial renova o seu compromiso co festival cunha nova achega de 55.000 euros á Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) para a realización desta actividade. A vicepresidenta asegurou que “na Deputación somos moi conscientes do labor fundamental deste evento na promoción do peixe galego, un dos produtos estrela da nosa provincia e da nosa cidade”, especialmente cando “o seu consumo segue diminuíndo ano tras ano e son necesarias accións como esta que fagan que o peixe volva ser un produto atractivo para a cidadanía”.
Na presentación, que tivo lugar no Real Club Náutico de Vigo, déronse cita os chefs a cargo dos 14 pratos de autor que se poderán degustar no festival, que terá lugar entre o 10 e o 13 de xullo nos xardíns de Montero Ríos. Luisa Sánchez destacou que “nesta sexta edición do Vigo SeaFest, que xa se converteu nunha das citas gastronómicas referentes en Vigo e no conxunto do territorio nacional”, a Deputación “patrocinará os dous escenarios de concertos, polos que pasarán artistas como Clarence Bekker Band, The Lákazans, The Hurt Fingers, Planeta Marte, Blue Monk e un amplo surtido de DJs”. Esta programación súmase ao resto de actividades, como as familiares e infantís sobre tradicións mariñeiras e protección do medio mariño ou as deportivas, “amosando que a Pontevedra é a provincia do deporte e tamén a capital galega do turismo gastronómico”.
Luisa Sánchez puxo en valor que “o mar é un dos motores económicos da nosa provincia e especialmente da nosa cidade, onde contamos co porto pesqueiro máis grande de Europa en peixe para consumo humano”, ademais de destacar o “orgullo que sentimos do sector pesqueiro, da industria do mar, e das entidades que se poñen as pilas para a dinamización sociocultural dos nosos barrios e das nosas cidades”. Neste sentido, a vicepresidenta da Deputación felicitou a ARVI pola posta en marcha deste festival e animou a toda a cidadanía a asistir ao Vigo SeaFest.