Son asociacións, confederacións, federacións, unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais que recibirán contías entre os 6.000 e os 10.000 euros
“Estamos ao carón das entidades que constrúen territorio e que fan que esta provincia avance como non fixo nos últimos anos”, asegurou o presidente Luis López
A Deputación de Pontevedra aprobou o reparto de máis de 310.000 euros do Programa de Acción Comunitaria, coñecido como Plan Provincia Comunitaria 2024, entre 34 asociacións, confederacións, federacións, unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais de nove concellos da contorna de Pontevedra, que recibirán contías entre os 6.000 e os 10.000 €. “Estamos ao carón das entidades que constrúen territorio e que fan que esta provincia avance como non fixo nos últimos anos”, asegurou o presidente provincial, Luis López, que lembrou que, con estas axudas, búscase “potenciar a capacidade das asociacións, mellorar a calidade de vida local e os equipamentos veciñais e contribuír á implantación homoxénea destas entidades en todo o territorio”.
En concreto, en Caldas de Reis a Asociación de Veciños de Casaldrago recibirá 9.964 €, a Asociación Mulleres Rurais e Culturais Santa Mariña 8.188 € e a Asociación Veciñal Vía XIX Caldas de Reis 9.467 €; en Campo Lameiro contarán con 10.000 € a Asociación Veciñal de Fragas e a de Praderrei; na Lama a Asociación de Veciños San Bartolomé de Xesta, a Asociación de Mulleres Rurais As Ermidas, a Asociación Centro Cultural de Veciños de Pelete recibirán 10.000 €, a Asociación de Veciños Fonte dos Chaos 7.276 €, a Asociación de Veciños de Xende e Paradela 9.068 €, a Asociación Veciños San Bartoléme Parroquia de Seixido 8.091 € e a Asociación de Mulleres Rurais A Pícara 6.959 €; en Marín a Asociación de Veciños Pardavila de San Xulián contará con 8.781 €, a Asociación Veciños do Cemiterio de Santomé de Piñeiro con 9.732 € e a Asociación de Veciños O Campo con 10.000 €, e en Moraña a Asociación Veciñal de Corrigatos e a Asociación de Veciños Desenvolvemento Rural de Alberguería recibirán 10.000 € e a Asociación de Veciños de Barosela 9.994 €.
Ademais, en Poio contarán con 10.000 € a Asociación Veciños Cultural e Deportiva de Lourido, a Asociación de Veciños do Cemiterio de Combarro, a Asociación Benéfica de Veciños Divino Salvador de Poio, a Asociación Veciñal Amigo de Riomouro Pequeno e a Asociación de Veciños A Laxe, con 9.810 € a Asociación de Veciños de Campelo e con 8.208 a Asociación Mulleres Rurais Santa Trahamunda; en Ponte Caldelas a Asociación de Veciños As Secuoias do Pobo de Buchade recibirá 8.034 €, a Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Prestadora de Servizos á Mocidade O Torreiro de Forzáns 9.897 € e a Asociación de Veciños de Forzáns 9.365 €; en Pontevedra a Asociación Veciñal e Cultural de Cacheiro contará con 6.456 €, a Asociación de Veciños Salcedo-Norte con 9.820 €, a Asociación de Veciños San Bieito de Lérez con 9.915 € e a Asociación de Veciños O Castro de Santa María de Mourente con 10.000 €, e en Vilaboa a Asociación de Veciños Xuntanza de Cobres recibirá 8.015 € e a Asociación Veciñal Concentración de Vilaboa 6.668 €.
Grazas a estas axudas, no conxunto da provincia 170 asociacións e federacións de 44 concellos poderán executar obras de acondicionamento, reforma ou ampliacións de locais e outros espazos ou adquirir equipamentos que melloren os seus servizos. A partir de agora, as entidades terán un prazo de seis meses para executar e xustificar as actuacións.