A Deputación reparte materiais de sensibilización medioambiental en centros educativos da provincia no marco dos proxectos Da túa man Rural I e Rural II

adminON
Lectura mínima de 2

Trátanse de 3.250 elementos que abranguen desde unha guía de sensibilización, ata imáns de cociña e mochilas que chegarán a partir desta semana a 15 centros educativos de 9 concellos da provincia

A Deputación de Pontevedra vai repartir a partir desta semana materiais de sensibilización medioambiental en centros educativos da provincia no marco dos proxectos Da túa man Rural I e Rural II. En concreto, trátanse de 3.250 elementos que abranguen desde unha guía de sensibilización, ata imáns de cociña e mochilas que chegarán a 15 centros educativos de 9 concellos da provincia que forman parte destes programas financiados pola Unión Europea.

Os materiais de divulgación medioambiental distribuiranse no CEIP Antonio Carpintero de Arbo; CEIP Amor Ruibal e EEI de Curro en Barro; CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro; CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis; CEIP Nosa Señora das Dores e CEP de Soutelo de Montes en Forcarei; CPI de Mosteiro, CEIP da Armenteira e CRA de Meis; CPI de Mondariz; CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, EEI de Rubiós e EEI de Taboexa nas Neves; e CPI Plurilingüe de Rodeiro.

Os proxectos Da túa man Rural I e II, dotados cun orzamento de máis de 1,1 millóns de euros financiados con fondos Next Generation da Unión Europea, teñen por obxectivo apoiar a actividade comercial en zonas rurais. Neste eido, ao abeiro de ámbalas dúas iniciativas leváronse a cabo proxectos de visibilización e modernización do pequeno comercio local adaptándoo aos novos hábitos de consumo, así como de implantación das novas tecnoloxías, de acondicionamento de espazos para ofrecer un servizo óptimo á poboación local e aos visitantes e de impulso de prácticas para promover a economía circular.

Comparte este artigo