Son asociacións, confederacións, federacións, unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais que recibirán contías entre os 6.600 e os 10.000 euros
“Estamos ao carón das entidades que constrúen territorio e que fan que esta provincia avance como non fixo nos últimos anos”, asegurou o presidente Luis López
A Deputación de Pontevedra aprobou o reparto de preto de 35.000 euros do Programa de Acción Comunitaria, coñecido como Plan Provincia Comunitaria 2024, entre catro asociacións de veciños e mulleres rurais de dous concellos da comarca do Morrazo, que recibirán contías entre os 6.600 e os 10.000 €. “Estamos ao carón das entidades que constrúen territorio e que fan que esta provincia avance como non fixo nos últimos anos”, asegurou o presidente provincial, Luis López, que lembrou que, con estas axudas, búscase “potenciar a capacidade das asociacións, mellorar a calidade de vida local e os equipamentos veciñais e contribuír á implantación homoxénea destas entidades en todo o territorio”.
En concreto, en Bueu a Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro recibirá 6.609 €, a Asociación Veciñal Banda do Río 9.183 € e a Asociación de Veciños Cabanouro 8.155 €. Ademais, no caso de Cangas será a Asociación de Veciñas e Veciños Piñeiro-Aldán a que reciba unha achega de 9.996 €.
Grazas a estas axudas, no conxunto da provincia 170 asociacións e federacións de 44 concellos poderán executar obras de acondicionamento, reforma ou ampliacións de locais e outros espazos ou adquirir equipamentos que melloren os seus servizos. A partir de agora, as entidades terán un prazo de seis meses para executar e xustificar as actuacións.