O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, participou nas actividades que tiveron lugar no Auditorio de Soutelo de Montes como peche do programa +Convivir
A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Forcarei para pechar o programa +Convivir deste 2025. O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, participou nas actividades que tiveron lugar no Auditorio de Soutelo de Montes e nas que se deron cita arredor de 250 persoas da vila.
Javier Tourís lembrou que esta última xornada forma parte da segunda edición do programa, que percorreu a xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. O deputado provincial definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Forcarei”, e que vai na liña da senda de recuperación do contacto co tecido asociativo da provincia con programa como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.
Durante esta xornada lúdica en Soutelo de Montes, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla sobre alzhéimer, un obradoiro de risoterapia e unha sesión de ximnasia de mantemento. Completouse a sesión do programa da Deputación de Pontevedra +Convivir con música e cun refrixerio para as persoas asistentes.
Ao longo do 2025 +Convivir percorreu os concellos de Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Ribadumia, Bueu, Gondomar, Tui, Covelo e Forcarei. O pasado ano xuntáronse máis de 3.500 persoas neste programa a través do cal a Deputación pon en valor o seu compromiso co tecido asociativo e veciñal e enxalza o papel que este desenvolve no avance da provincia.



