O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, participou nas actividades que tiveron lugar no Pavillón municipal de Barrantes e nas que se deron cita ao redor de 300 persoas da vila
Despois de pasar por Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro e Ribadumia, +Convivir chegará ao longo deste ano a Gondomar, Pontevedra, Bueu, Oia, Barro e Tui
A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Ribadumia no marco do programa +Convivir. Ao redor de 300 persoas déronse cita no Pavillón municipal de Barrantes para asistir ás actividades organizadas pola institución provincial, que tamén contaron coa asistencia do deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís.
Javier Tourís lembrou que esta xornada forma parte da segunda edición do programa, que despois de pasar por Ribadumia, continuará pola xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. O deputado provincial definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Ribadumia”, e que vai na liña da senda de recuperación do contacto co tecido asociativo da provincia con programa como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.
Durante esta xornada lúdica, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha acción formativa de risoterapia, así como un obradoiro de nutrición e unha sesión de bailes de salón. A xornada de +Convivir completouse con música e cun refrixerio para as persoas asistentes.
+Convivir é un programa provincial co que a Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e que enxalza o papel que este desenvolve para o avance da provincia. Ademais de Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro e agora Ribadumia, o programa chegará este ano a Gondomar, Pontevedra, Bueu, Oia, Barro e Tui. O pasado ano preto de 4.000 persoas desfrutaron das sete citas organizadas pola institución provincial.