HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación selecciona as artistas Sol Mussa e Sara Piñeiro para participar...

A Deputación selecciona as artistas Sol Mussa e Sara Piñeiro para participar no segundo ano das residencias Novos Valores en Bruxelas e Madrid

- Anuncio -spot_img

As dúas artistas desenvolverán os seus proxectos nos próximos meses na Fundación Nicole & Walter Leblanc e en Matadero Madrid

A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a selección das artistas Sol Mussa e Sara Piñeiro para participar nunha nova edición do programa de residencias artísticas Novos Valores. Ambas desenvolverán os seus proxectos ao longo de 2026 na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas e no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid. Os resultados presentaranse publicamente na próxima edición da Bienal de Pontevedra, que terá lugar no verán de 2027.

O xurado encargado da selección das artistas desta edición estivo integrado por Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra; Agar Ledo, técnica de Procesos de Investigación no Museo de Pontevedra; Nerea Lores, técnica de produción da Bienal de Pontevedra; María Inés Rodríguez, directora da Fondation Walter & Nicole Leblanc, Bruxelas; Luisa Espino, responsable do Centro de residencias artísticas de Matadero Madrid; e Beatriz de San Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra.

Sol Mussa e Sara Piñeiro gozarán dunha residencia de catro semanas entre os meses de febreiro e abril na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas, e de tres meses no Centro de residencias artísticas de Matadero Madrid, entre abril e xullo. Para o desenvolvemento destas residencias recibirán unha bolsa de 9.500 € cada unha.

A Deputación asinou un convenio de colaboración con Madrid Destino, Cultura, Turismo y Negocio S.A. para a realización das residencias artísticas no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid, e coa Fondation Walter & Nicole Leblanc para a parte das residencias que ten lugar en Bruxelas. Estas entidades facilitan os espazos nos que se desenvolverán as residencias, mentres que a Deputación de Pontevedra achega 19.000 € e asumirá os custos relativos ao transporte das obras unha vez finalizada a residencia. Novos Valores é unha iniciativa que se inscribe na liña de apoio continuado da institución provincial á creación artística, á promoción da arte contemporánea e ao desenvolvemento de dinámicas de colaboración entre arte, deseño e ciencia desde unha perspectiva tanto teórica coma práctica.

Sol Mussa e Sara Piñeiro

Sol Mussa é unha artista multidisciplinar afincada en Londres. Centrada principalmente na teoría decolonial, traballa en diversos medios, incluíndo pintura, escultura e cinema. Especializouse en pintura na Accademia di Brera de Milán, estudou un curso de Antropoloxía Visual en Goldsmiths e completou o seu máster en Belas Artes en Central Saint Martins, onde recibiu a bolsa da Fundación Mona Hatoum. Actualmente está realizando un doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea na Universidade de Vigo.

Sol Mussa participará en Novos Valores co proxecto Biblioteca decolonial, que propón rescatar libros destinados ao lixo pertencentes á biblioteca privada do Pazo de Valiñas, na Estrada (Pontevedra), para configurar unha serie de pezas con aspecto de libro en formato XL. Mediante técnicas como a pintura, a fotografía e o deseño gráfico, a artista creará portadas específicas para cada libro, baseadas en dúas investigacións: a representación da clase alta galega (non para celebrala, senón para pór en evidencia os seus códigos estéticos, rituais e os espazos que habita) e a teoría decolonial. Biblioteca decolonial quere funcionar como un xesto de conservación e resignificación, transformando o material destinado ao esquecemento nunha reflexión visual sobre a pluralidade cultural existente en Galicia.

Sara Piñeiro desenvolve a súa práctica entre Galicia e o País Vasco. Estudou Bioloxía na USC antes de graduarse en Belas Artes pola Universidade de Vigo. No seu traballo explora a tensión entre imaxe e aparencia a partir de materiais fráxiles que conforman superficies inestables.

Esas estupendas materias duras é o proxecto que desenvolverá Piñeiro para Novos Valores. Parte dunha investigación en curso en torno ao po de granito silvestre semimoreno procedente dunha antiga canteira familiar en Galicia. O po excedente do corte e da manufactura convértese en materia central a modo de sedimento biográfico e arquivo atmosférico do desprendido, evocando a silicose, o aire e a pedra no seu estado de(s)formado. O desexo é establecer un diálogo entre este po e outros procedentes de diferentes canteiras graníticas para investigar as relacións entre materia, contexto e construción simbólica en distintos territorios e procesos extractivos. Ademais de activar unha memoria territorial na que o granito se revela como substrato silencioso, a práctica amplíase co traballo en torno a elementos de suxeición precarios, propoñendo un espazo de investigación sobre superficies fráxiles, formas non normativas de ensamblaxe e modos alternativos de soster a práctica artística.

Publicacións Relacionadas