“Queremos, con este centro, impulsar unha comunicación accesible e inclusiva e reforzar o vínculo entre a cidadanía e os actores locais da provincia coa Unión Europea, promovendo unha comprensión próxima e práctica do seu impacto no territorio”, remarcou o deputado provincial Javier Tourís
A Deputación de Pontevedra acaba de presentar en Bruxelas a solicitude para instalar un Centro Europa Direct na provincia. O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, subliñou a importancia desta iniciativa coa que o organismo provincial quere “impulsar unha comunicación accesible e inclusiva e reforzar o vínculo entre a cidadanía e os actores locais da provincia coa Unión Europea, promovendo unha comprensión próxima e práctica do seu impacto no territorio”.
O deputado remarcou que “un Centro Europa Direct na provincia permitiríanos apoderar aos municipios, asociacións e mocidade para aproveitar as oportunidades europeas en materia de financiamento, formación e mobilidade, así como fomentar unha participación activa e bidireccional que garanta que as voces locais, e en particular da provincia de Pontevedra, sexan escoitadas e integradas nas políticas e decisións da Unión Europea”. Ao respecto, Tourís mencionou que desde este centro Europa Direct xeraríanse recursos e contidos adaptados á realidade da provincia; impulsaríanse actividades de capacitación; facilitaríase información á xuventude sobre oportunidades de educación, emprego, emprendemento, voluntariado e mobilidade internacional; achegaríase a Unión Europea a escolares de primaria e secundaria; e, entre outras moitas impulsaríanse actividades de visibilización e difusión.
Semana Europea das Rexións e das Cidades en Bruxelas
O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, acompañado pola directora de Fondos Europeos, Susana Fernández, e o xefe de servizo de Cooperación, Marcos Areán, reuniuse tamén en Bruxelas cos responsables institucionais das Deputacións de Castellón e Tarragona, María Ángeles Pallarés e Valeriano Pino, no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades. Ao abeiro deste encontro, Tourís subliñou a importancia de tecer redes a nivel europeo e de intercambiar experiencias para a posta en marcha de proxectos de importancia nos territorios. E aproveitou para escoitar e analizar as prácticas desenvolvidas pola Deputación de Castellón relativas ao centro Europa Direct, no que é unha referencia nacional.