Home Deputacións Deputación Pontevedra A Deputación suma un novo recoñecemento á Bienal de Arte de Pontevedra...

A Deputación suma un novo recoñecemento á Bienal de Arte de Pontevedra nos Premios Agripina de publicidade, márketing e comunicación

0
4

O premio á Bienal, acadado na categoría Internacional, súmase ao Premio da Cultura Galega 2025 na categoría de Artes Visuais recibido fai tan só unhas semanas

Tan só unhas semanas despois de recibir a nova de que a Bienal de Arte de Pontevedra se fixo co Premio da Cultura Galega 2025 na categoría de Artes Visuais, a Deputación de Pontevedra suma un novo recoñecemento da man dos Premios Agripina. O festival de referencia nos ámbitos da publicidade, o márketing e a comunicación acaba de distinguir a Bienal de Pontevedra na categoría Internacional da súa XV edición tras facer público o veredicto nunha gala celebrada no Auditorio Cartujo de Sevilla.

Os Premios Agripina recoñecen, en concreto, a campaña de presentación para o lanzamento da Bienal, a preparación do deseño gráfico da edición celebrada este ano, así como a adaptación dos soportes e os contedores expositivos. Os obxectivos desta campaña, desenvolvida por Imagina Advertising, foron presentar e reintroducir a Bienal á cidadanía baixo o concepto “Art is Back”, tratando de crear unha conexión entre a comunidade local e a arte contemporánea a través dunha serie de fotografías e vídeos que integran diferentes grupos representativos da cidade á vez que se destacaba a súa identidade, cultura e oficios. Na candidatura tivéronse en conta o concepto e deseño gráfico (logotipo, tipografía, cor, manual), o deseño adaptado aos soportes e contedores da exposición (sinalización, entradas, folletos e impresións), a fotografía e o spot.

A 32ª edición da Bienal de Pontevedra celebrouse do 21 de xuño ao 30 de setembro de 2025, tras un parón de 15 anos, cun grande éxito: 125.000 espectadores e o aval de 9 de cada 10 visitantes que aproban que volva celebrarse en 2027. Organizada pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra e con este como epicentro, estendeuse por toda a cidade, así como outros concellos da provincia. A Bienal reflexionou acerca de varios temas que reflexan o momento actual da arte e os desafíos da sociedade contemporánea. O título ‘Volver (a) ser humanos ante a dor dos demais’ partiu do pensamento de Rob Riemen e dos textos de Susan Sontag para suxerir que só a través da reflexión sobre o conflito podemos redescubrir a nosa humanidade.