O deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís, supervisou este xoves os proxectos que están levando a cabo as comunidades de augas de Moaña grazas ás axudas do programa +Aqua. O deputado visitou as instalacións da Comunidade de Augas de Meira de Abaixo e a Comunidade de Usuarios de Augas de Palma Costa, que recibiron 10.000 e 7.843 respectivamente para realizar o cerramento dos perímetros de protección das captacións, no caso de Meira de Abaixo, e melloras no control e xestión, no caso da de Palma Costa. Tamén se beneficiou das achegas de +Aqua a Comunidade de Augas dos Barrios de Calvar e Verdeal, co que o investimento total do plan +Aqua en Moaña se eleva a preto de 26.000 euros.
O deputado provincial puxo en valor que se trata de “comunidades formadas por 400 e 600 vivendas unifamiliares, isto é, que afectan a arredor de mil vivendas” e valorou a “satisfacción que temos desde a Deputación co noso proxecto de Acción Comunitaria, co que estamos a chegar a preto de mil asociacións con 5 millóns de euros, o investimento máis grande da historia da Deputación para o tecido asociativo da provincia”. A Deputación formalizou esta semana o aumento de crédito dos programas de Acción Comunitaria, co que +Aqua pasa a ter un orzamento de 2,35 millóns de euros, ao igual que o Plan Provincia Comunitaria, e +Novaqua terá á disposición do tecido asociativo un investimento de 300.000 euros.