A deputada provincial Isabel Couselo recorreu o tramo de preto de 1,5 quilómetros no que se está a renovar o pavimento e mellorar a plataforma
A Deputación de Pontevedra está a executar traballos de conservación e mellora do firme na estrada provincial EP-9802 As Aceñas da Illa de Arousa. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu o tramo de preto de 1,5 quilómetros no que se está a executar a actuación, enmarcada no acordo marco de conservación de firmes na rede viaria da Deputación que ascende a 4,5 millóns de euros.
Segundo destacou Couselo, as obras de conservación e mellora de firme que se están a executar na Illa de Arousa teñen por obxectivo manter a capacidade portante do firme, coa renovación da capa de rodadura e a reforma dos pasos de peóns elevados nunha área de 1.000 metros cadrados. Ademais, a actuación tamén vai resolver deficiencias da plataforma que viñan senda demandas pola veciñanza da zona desde fai tempo.
Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de conservación de firmes que ascende a 4,5 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa a Illa de Arousa, o lote 3, supón un investimento de máis de 730.000 euros. Nestas semanas está previsto que se realicen traballos contemplados no lote 3 do acordo marco nas estradas provinciais EP-9701 Baión-András (Vilanova), na EP-9497 A Goulla-Porráns (Portas) e nas EP-9403 Santo Tomé-San Salvador e EP-9406 Galles-A Armenteira polo Concello de Meis.