A Deputación ten aberta ata o domingo 7 de abril no Palacete das Mendoza a exposición “Hojas de hierba” de J. C. Vilar

adminON
Lectura mínima de 3

Na mostra o pintor e profesor pontevedrés presenta “un eloxio á sinxeleza” baseado no libro de poemas homónimo do poeta Walt Whitman

Últimos días para visitar no Palacete das Mendoza a exposición “Hojas de hierba”, do pintor e profesor pontevedrés J.C. Vilar. Na mostra, da que se poderá desfrutar ata o vindeiro domingo 7 de abril, o artista presenta un “eloxio á sinxeleza” baseado no libro de poemas homónimo publicado en 1855 polo poeta Walt Whitman (Leaves of Grass).

Desta maneira, Vilar trata de buscar a fermosura na sinxeleza, desde un paxaro cazado polo seu gato, ás vellas portas descoloridas polo sol e o paso dos anos, pasando por unha billa de paso de auga ata personaxes da rúa anónimos. Desta maneira, as persoas que retrata son como os “ninguén” de Eduardo Galeano, persoas que pasarían desapercibidas en calquera calle de calquera cidade: músicos da rúa, artesáns, traballadores, persoas anónimas. O mesmo que pasa cos lugares representados, que son recunchos anónimos que as veces serían difíciles de localizar incluso para os propios habitantes, pero que están aí e dan vida e encanto ás vilas.

Juan Carlos Vilar (Pontevedra, 1958) ten formación autodidacta como debuxante. Cun estilo realista, comezou debuxando a lapis e carbón vexetal, e a súa técnica derivou ao “gouache” (ou augada), tinta china e acrílico. Comezou expoñendo de maneira colectiva en 1974 no Liceo de Vilagarcía de Arousa e, en 1982, fixo a súa primeira exposición individual na Sala Albatros de Pontevedra. En 1986 foi seleccionado no certame Novos Valores, convocado anualmente polo Museo de Pontevedra. Ao longo da súa traxectoria ten recibido numerosos galardóns, como o primeiro premio do Certame Nacional de Debuxo Felipe Orlando (Málaga, 2017); o do XXII Concurso de Pintura con motivos taurinos (Sevilla, 2018), ou o segundo premio no Concurso nacional de Debuxo Antonio del Rincón (Guadalajara, 2020).

“Hojas de hierba, a selección de obras de J.C. Vilar que acollerá ata o 7 de abril a sede de Turismo Rías Baixas, pode visitarse de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e o domingo, último día, de 10:00 a 14:00 horas.

Comparte este artigo