O Plan está dotado cun orzamento de 4 millóns de euros para que os concellos de menos de 50.000 habitantes destinen recursos a construír e mellorar instalacións deportivas ou adquirir novos equipamentos
Últimos días para que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan solicitar achegas para construír e mellorar instalacións deportivas ou adquirir novos equipamentos ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Desta maneira, ata o vindeiro 22 de marzo aínda é posible remitir os proxectos para beneficiarse deste programa de apoio aos concellos pensado para a construción de novas instalacións deportivas, a mellora das existentes, a adquisición de terreos para uso deportivo ou a compra de equipamentos ou material.
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende a 4 millóns de euros aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. O reparto de fondos está rexido por dous criterios. Por un lado, haberá unha porcentaxe fixa dotada con 1,2 millóns de euros que se repartirá entre todos os beneficiarios. Por outro lado, unha parte variable dotada con 2,8 millóns de euros que se repartirá en función da poboación de cada concello solicitante. Os beneficiarios deste plan deberán presentar proxectos de orzamentos superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros.
En concreto, o plan está estruturado en catro liñas de actuación e os concellos poden aspirar á que máis se adapte o seu proxecto. O primeiro punto está relacionado coa construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; o segundo céntrase na modernización, remodelación e mellora de instalacións deportivas; o terceiro destínase a dotación de equipamento ou material deportivo para este tipo de instalacións; mentres que o cuarto está pensado para a adquisición de terreos destinados a uso deportivo.
Ata o de agora, a Deputación aprobou xa a concesión de achegas a catro concellos da provincia (Poio, Barro, Pazos de Borbén e Redondela), mobilizando desta maneira un total de preto de 300.000 euros dos 4 millóns de orzamento total dispoñible no marco de Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

