No marco do proxecto europeo ThermEcowat, o programa inclúe relatorios, grupos de traballo, visitas técnicas e unha experiencia termal en Laias, así como desprazamentos á Chavasqueira, As Burgas e o Campus de Ourense, onde se mostrará o potencial xeotérmico do territorio
Durante estes próximos tres días, o Balneario de Laias acolle o Workshop ThermEcoWat Ourense–Laias, un encontro transnacional que reunirá científicos, representantes públicos e técnicos especializados na xestión de augas termais e enerxías renovables.
O evento está coordinado pola Deputación de Ourense, que actúa como anfitrioa principal no marco do proxecto europeo ThermEcoWat, financiado polo programa Interreg Sudoe 2021–2027.
O deputado provincial de Innovación, Jorge Pumar, destacou na presentación do evento que “Ourense ten no termalismo un dos seus maiores activos naturais e económicos. Este encontro reforza a nosa vocación europea e a nosa aposta por un modelo de desenvolvemento sustentable, baseado na innovación, na enerxía limpa e na xestión responsable da auga”.
ThermEcoWat céntrase na preservación do patrimonio termal do suroeste europeo e no desenvolvemento de estratexias de adaptación ao cambio climático. O consorcio internacional do proxecto está formado por institucións de referencia como o Bureau de Recherches Géologiques et Minières (BRGM) e Thermauvergne (Francia), o Institut Cartogràfic i Geològic de Catalunya (ICGC), o Centro Nacional IGME-CSIC, a Universidade de Vigo, o Ajuntament de Caldes de Montbui e as Termas de São Pedro do Sul (Portugal), entre outras.
As conclusións do encontro contribuirán a deseñar novas ferramentas de gobernanza colaborativa, capaces de anticipar os efectos do cambio climático e de impulsar o uso sustentable dos recursos termais nas pequenas comunidades do suroeste europeo.