O mércores e o venres ás 18:00 horas terán lugar as últimas visitas guiadas a cargo do coleccionista Juan Manuel Alfaya Ocampo
Este domingo 9 de febreiro clausúrase no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a exposición ‘E tempo de xogar’, unha escolma de arredor de 150 pezas da colección de cerca de 700 xogos e xoguetes do redondelán Juan Manuel Alfaya Ocampo, que van desde finais do XIX ata os anos 60. A mostra está aberta desde o pasado 29 de novembro, con grande éxito de público.
Alfaya Ocampo ofrecerá este mércores e este venres, ás 18:00 h, as dúas últimas visitas guiadas, sen necesidade de reserva previa. Nas visitas, o coleccionista explica detalles e curiosidades arredor dos xoguetes expostos, ademais de ensinar o funcionamento de varios dos autómatas que forman parte da súa colección.
Os xoguetes que forman esta exposición foron creados entre as décadas de 1890 e 1960 e pertencen a marcas españolas tan destacadas coma Rico, Payá, Sanchís, Teixidó, Picó, Casanellas, Seix Barral, Sagarra, Mariquita Pérez e Jecsan. Tamén doutros países, como Gunthermann, Lehmann, Fernand Martin, Arnold, Hess, Tecnos, Strauss, Distler, Bühler, Rossignol, Goso, Marx, Bonnet, Vebe, Lego, Joustra ou Matarazzo.
Aquí atopamos principalmente xoguetes de lata, pero tamén doutros materiais coma chumbo, cartón, madeira ou plástico. Destacan os autómatas, moitos deles centenarios, que reproducen con gran realismo sorprendentes movementos. Tamén os teatros, de marcas como Schreiber, Paluzie e Pellerin-D’Espinal. En definitiva, amósanse xoguetes para todos os gustos, habilidades e temperamentos.
Esta mostra quere ser, desde o propio título, unha invitación a xogar dirixida ás nenas e nenos, pero tamén ás persoas adultas. É unha viaxe no tempo para descubrir os obxectos cos que se divertían xeracións anteriores; as e os cativos sorprenderanse coas cores, os materiais e o enxeño destes trebellos, e as persoas maiores recoñecerán xoguetes da súa infancia cos que quizais non puideron xogar no seu día. Esta é a súa oportunidade de volver vivilos.