Nun encontro no Pazo Provincial, Manuel Baltar avanzou ao alcalde, Antonio Rodríguez, que a Deputación tamén formará parte deste proxecto en colaboración coa Xunta de Galicia e o propio Concello
O presidente do goberno provincial felicitou ao rexedor “por unha nova que vai mellorar os servizos sanitarios da veciñanza; un logro baseado nun piar esencial da xestión pública como é a cooperación entre administracións”
O rexedor agradeceu unha colaboración “que nos permitirá contar cunhas modernas instalacións e sen compartir espazos con outras actividades”
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez, co que analizou diversas liñas de colaboración entre ambas administracións, con especial atención ao proxecto de construción do novo centro de saúde do municipio.
Manuel Baltar avanzou ao rexedor que a Deputación tamén formará parte do proxecto, en colaboración coa Xunta de Galicia e o propio Concello, facéndose cargo da urbanización dos terreos nos que se situará esta nova dotación sanitaria, cooperación que quedará ratificada mediante a sinatura dun convenio.
O presidente do goberno provincial felicitou ao alcalde de Montederramo “pola consecución dunha nova infraestrutura que vai mellorar os servizos sanitarios da veciñanza”, destacando que se trata dun novo logro “baseado nun piar esencial da xestión pública como é a cooperación entre administracións”.
Antonio Rodríguez agradeceu a colaboración da Deputación nun proxecto “que nos permitirá contar cunhas modernas instalacións e sen compartir espazos con outras actividades”. O alcalde sinalou que o Concello xa ultima os trámites para a adquisición da parcela, “que despois cederemos á Xunta e será urbanizada pola Deputación, antes de iniciar os traballos de construción”.
Os terreos nos que se situará o novo centro de saúde, supervisados xa polos técnicos da Xunta, contan cun espazo edificable de máis de catrocentos metros cadrados, o que permitirá construír unhas instalacións catro veces máis grandes que as actuais, que teñen trinta anos de antigüidade.