HomeVigoBaionaA Deputación visibiliza en Baiona o papel das mulleres pioneiras na investigación...

A Deputación visibiliza en Baiona o papel das mulleres pioneiras na investigación e nas ciencias mariñas

- Anuncio -spot_img

A exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” poderá visitarse desde mañá venres e ata o vindeiro 4 de abril na Praza de Abastos de Baiona

A Deputación de Pontevedra visibiliza en Baiona o papel das mulleres pioneiras na investigación e nas ciencias mariñas a través da mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, promovida pola institución provincial en colaboración coa Universidade de Vigo. A exposición, enmarcada na programación Malabares, ata cando?, deseñada polo organismo provincial con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres, será inaugurada mañá na Praza de Abastos de Baiona onde poderá visitarse ata o 4 de abril.

A mostra afonda no papel destacado, e moitas veces invisibilizado, que as mulleres tiveron ao longo da historia na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños. Desta maneira, recóllense oficios das mulleres do mar, desde 1914 ata a actualidade, comezando polos máis antigos, como os de mariscadora ou redeira, ata as investigadoras mariñas, pasando por aquelas que traballaron na salga e na conserva. Para amosar os contidos a exposición está composta por vídeos e fotografías, así como imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar o saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva.

Ademais da inauguración da exposición, e como actividade complementaria a “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, a profesora Tamara Amorín, que participou na investigación que levou a esta mostra, impartirá un obradoiro ás 13:00 horas no CPI Cova Terreña de Baiona dirixido a un grupo de 30 alumnos e alumnas de 4º de educación primaria.

Publicacións Relacionadas