HomeDezaAgoladaA Deputación visita en Agolada as obras na piscina municipal, financiadas integramente...

A Deputación visita en Agolada as obras na piscina municipal, financiadas integramente con 543.000 euros de fondos provinciais

- Anuncio -spot_img

O deputado Javier Tourís comprobou o funcionamento deste equipamento municipal, que recibiu o 80% do seu financiamento a través do PON2030 e se completou a través do plan de cooperación municipal

O deputado provincial Javier Tourís visitou este martes en Agolada as obras, financiadas integramente con fondos da Deputación de Pontevedra, de remodelación integral da piscina municipal de Agolada. Os traballos recibiron un total de 543.000 euros de recursos provinciais, o 80% a través do PON2030 (434.000 euros) e o 20% restante, que lle correspondería á achega municipal, a través do plan de cooperación municipal anual da Deputación (outros preto de 109.000 euros que completan o orzamento).

Na piscina municipal de Agolada, aberta ao público desde o pasado xullo, levouse a cabo unha mellora integral de todo o seu recinto solucionando situacións como a da súa estrutura, que presentaba un estado antigo e con defectos provocados polo seu uso e o paso do tempo. O edificio onde se situaban os vestiarios demoleuse para construír un novo, máis accesible, seguro, eficiente e moderno, e tamén se dotou dun novo edificio anexo de uso complementario, con dúas salas polivalentes a carón dos vestiarios e dos aseos que no futuro funcionarán como ximnasio.

Tamén se reconstruíu o vaso grande (de distancia semiolímpica) da piscina, reducindo a súa profundidade para adaptala á normativa vixente en materia de prevención de afogamentos, ata un máximo de 1,65 metros. Desprazouse a localización da piscina infantil e, no caso do vaso medio, anulouse para construír no seu lugar un semisoto que alberga as instalacións de mantemento de depuración, con acceso desde a fachada oeste.

O deputado provincial Javier Tourís lembrou que “dotacións como esta son fundamentais para mellorar os servizos que se prestan á cidadanía, modernizar os seus equipamentos públicos e tamén avanzar no aforro enerxético”, ao tempo que tamén fixo fincapé na “necesidade, especialmente en concellos do rural como é Agolada, de que teñan infraestruturas deste nivel para contribuír á fixación de poboación e á loita contra o reto demográfico”. O deputado asegurou que “esta Deputación está absolutamente comprometida cos concellos da provincia e imos seguir impulsando actuacións como esta, sempre co municipalismo por bandeira”.

Publicacións Relacionadas